Pescanova, sen liquidez, xustifica o concurso para evitar a súa liquidación

A multinacional de Chapela presentará o concurso de acredores en dez días. A súa liquidez para facer fronte a provedores e impostos é dunha semana, segundo fontes do consello. Hai preocupación por se o paso de Pescanova implica unha fervenza de preconcursos nas súas filiais

 

Pescanova

Hai cinco semanas ninguén situaría a Pescanova nun concurso de acredores. A multinacional galega, cos seus máis de 10 mil empregos en todo o mundo, semellaba todo un modelo. Mais dentro de dez días, a empresa pedirá o concurso de acredores. Faino, sinala, para evitar a súa liquidación e sen esgotar o prazo (tres meses) do preconcurso. E faino, segundo indican diversas fontes, nunha situación ben complicada. A súa liquidez para facer fronte a provedores, impostos duraría até o 15 deste mes, de acordo cos dados que manexa Europa Press.

Chegado ese día, indican esas mesmas fontes, Pescanova tería que recorrer a un crédito-ponte de por volta de 60 millóns de euros. A banca acredora sinalou que estaría disposta a dar ese crédito. Mais desde a dirección da multinacional non acreditaban tal e optaron por se poñer en mans do xuíz antes que na banca. A suspensión de pagos non se fixo co acordo de todo o consello de administración, nun novo capítulo do enfrontamento e división neste organismo.

Novos riscos?

Segundo se recolle na prensa especializada, existe unha preocupación por se o paso dado por Pescanova implica unha fervenza de preconcursos en filiais. De feito, unha delas xa optou por esa vía: Pescafina. Esta empresa está participada nun 95% por Pescanova desde febreiro de 2002.

Segundo se recolle na propia web desta filial, facturou 458,27 millóns de euros en 2009 que corresponden a 61.211 toneladas de produtos conxelados.

Moita preocupación no cadro de persoal

A situación de Pescanova preocupa, e non pouco, aos traballadores, principalmente aos 1.500 que a multinacional ten na Galiza. Desde CC OO, que ten maioría no comité de empresa, lembran que no proceso concursal non se debe atender só aos accionistas, senón tamén aos empregados. O sindicato esixe un plan de viabilidade, con participación sindical, que recolla o apartado económico-financeiro, ben como un plan social e industrial que garanta os postos de traballo.

Pola súa banda, a CIG reclámalle ao consello de administración responsabilidade, rigor e seriedade, alén da presentación das contas e dun plano estratéxico que permita renegociar a débeda con bancos e acredores para lograr liquidez. Aliás, esixe o mantemento de todos os postos de traballo nas distintas empresas do grupo Pescanova, ben como das condicións laborais dos empregados e das empregadas da firma de alimentación.

Comentarios