R.S.

Folga do lixo: o persoal de Albada e a oposición suman forzas en María Pita malia o veto de Negreira

BNG, EU e PSOE amosan o seu apoio á folga do sector do lixo na sede municipal a pesar de que o goberno local da Coruña negou a utilización dunha sala para que se celebrase a xuntanza.

Todas as forzas políticas con representación no concello da Coruña agás o gobernante PP escenificaron publicamente o seu apoio á folga que desde hai tres semanas secunda o persoal de Albada na planta de tratamento de residuos de Nostián contra o despedimento de traballadores e a forte rebaixa salarial que impón a empresa, concesionaria do concello.

Representantes das forzas sindicais e de BNG, EU e PSOE mantiveron unha xuntanza no pazo de María Pita malia os obstáculos postos polo alcalde Carlos Negreira, que se negou a ceder unha sala das dependencias municipais para que a mesma tivese lugar. “Foi unha decisión sen base legal e que proba que Negreira considera que a sede municipal é súa, un coto privado de caza para uso e disfrute dos seus”, afirma o grupo municipal do Bloque.

A reunión tivo lugar nas oficinas de oposición. Ao seu remate, a concelleira do BNG María Xosé Bravo afirmou que “o Goberno municipal debe opoñerse tanto á destrución de emprego e ao desmantelamento de dereitos laborais que pretende Albada como á fraude da reciclaxe que non se fai”. Pola súa parte, César Santiso de Esquerda Unida declarou que “o concello é o responsábel directo do que está a ocorrer, xa que non é un cliente senón o dono da concesión” e Yoya Neira, do PSOE, indicou que “o silencio do alcalde é unha falta de respecto aos traballadores”.

O presidente do comité de empresa de Nostián, Xosé Manuel Vilariño, acusou á empresa de ter “unha actitude chulesca e bochornosa” nas reunións e insistiu en chamar á folga que todo o sector do lixo da comarca convocou para o día 26 así como á manifestación do día seguinte.

Comentarios