O pedrazo ameaza a colleita de uva no Ribeiro

Uvas da variedade treixadura danadas pola sarabia en Gomariz (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Técnicos da Xunta realizan unha primeira avaliación dos danos e asesoran os viticultores dos pasos a seguir para minimizar as perdas ás portas da vendima.

As tormentas de sarabia caídas na tardiña desta cuarta feira provocaron danos nas vides da Denominación de Orixe do Ribeiro que "aínda están por avaliar", confirmou o presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares.

"Ten que escampar o tempo para comprobar a magnitude dos danos", declarou o presidente da denominación de orixe, á espera do que pase esta quinta, xornada na que se prevé que volvan as tormentas. De feito, Meteogalicia mantén o aviso amarelo por treboadas entre as 15 e as 21 horas en todas as comarcas do interior de Lugo e Ourense.

Segundo Juan Manuel Casares as zonas que se viron máis afectadas foron as de "Gomariz en Leiro,  Cabandelas no Carballiño, Pazos de Arenteiro en Boborás e Riobó en Cenlle", informou.

Á espera de confirmar as desfeitas, o presidente do Consello regulador recoñeceu que a situación se agrava ante o inminente inicio da vendima. "En dez ou quince días comezaría a maior actividade de recollida da uva na zona", destacou, á espera de estimar as consecuencias sobre o terreo para un sector estratéxico.

Preocupación

A preocupación das tormentas esténdese a outras Denominacións de Orixe como a de Valdeorras, na cal algunhas adegas xa iniciaron a colleita.

A sarabia tamén provocou estragos noutros produtos agrícolas, principalmente destinados ao autoconsumo que están en plena maduración nestes días como é o caso dos tomates.

Asesoría da Xunta

Pola súa banda, a Xunta enviou os técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía da Galiza (Evega) até a zona do Ribeiro co fin de realizar unha avaliación provisional dos danos e asesorar os viticultores e as adegas afectadas.

Estes profesionais, segundo informou a Consellaría de Medio Rural nun comunicado, encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellábeis co obxectivo de minimizar as perdas.

Neste sentido, a Evega advirte de que é necesario "adoptar as medidas preventivas coa aplicación de bioprotectores ecolóxicos sen prazo de seguridade ou de baixo prezo", co fin de frear no posible os danos nos acios e sen que afecte á hixiene da colleita.

Ao tempo, a Consellaría de Medio Rural lembrou aos produtores que se poden acoller á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro para fomentar os seguros agrarios e que conta cunha dotación de 6 millóns de euros.