A patronal galega do metal ficha a Beatriz Mato para a súa directiva

Mato, directora de sutentabilidade de Greenalia e conselleira en Euskaltel, exercerá de vocal na directiva da patronal Asime
A ex conselleira Beatriz Mato (Nós Diario).
photo_camera A ex conselleira Beatriz Mato (Foto: Nós Diario).

Asime, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza, defendía hai uns días a necesidade de apostar pola enerxía eólica mariña como motor da recuperación. Quizais esta aposta teña que ver coa designación da ex conselleira Beatriz Mato, en calidade de directora de sustentabilidade de Greenalia, como nova vocal da xunta directiva da patronal.

O seu nomeamento, xunto cos de Ernesto Jesús Rodríguez (Mecanizados Rodríguez Fernández), que exercerá como secretario, e os de Pablo Alarcón (Borgwarner Emissions Systems) e Julio C. Arca (Genesal  Energy) tamén como vocais, foi anunciado onte na Asemblea Xeral Anual celebrada na súa sede en Vigo. 

Durante o evento, ao que asistiron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentáronse os resultados da organización do exercicio 2020 e abordáronse as previsións para o que resta deste ano 2021, con especial fincapé nos retos que se presentan para a industria para a recuperación.

Justo Sierra, presidente de Asime, destacou que 2020 "foi un ano duro, no que asistimos a caídas históricas do 12% en facturación e do 2% en emprego". Porén, sinalou que a industria do metal e as súas tecnoloxías asociadas soportou mellor que outras o impacto da pandemia.

Neste senso, o presidente da patronal amosouse "moderadamente optimista" para este 2021, ano no que contan certificar o comezo da recuperación a partir do segundo semestre. 

Para facer posible esa recuperación, Sierra incidiu na necesidade da colaboración público-privada para buscar investimentos e favorecer unha transición enerxética xusta. "O acceso ao solo industrial, a subministración enerxética estábel e competitiva, a dixitalización e a innovación van ser máis relevantes que nunca", adiantou, ao igual que serán "chave" os fondos europeos, "que deben ser xestionados de forma áxil e flexíbel da man do propio tecido produtivo", indicou.

Sobre os retos, o Presidente de Asime insistiu na necesidade de impulsar a automoción e atraer investimentos para a produción de compoñentes estratéxicos como os microchips, dotar de maior carga de traballo para os estaleiros de Navantia en Ferrol e impulsar nichos de negocio como a éolica mariña

Comentarios