Ocupación de oficinas de emprego por parad@s contra "a explotación e a pobreza"

Un grupo desempregad@s da CIG de Ourense ocupou unha destas oficinas, nunha acción dirixida a denunciar os Gobernos español e autonómico por promover reformas laborais que destrúen emprego"
Parad@s Ourense
photo_camera Parad@s Ourense

Membros da Asemblea de Desempregad@s e Precari@s procederon hai uns días a ocupar o predio da oficina de emprego situada no Xardín do Posío e despregaron unha faixa co lema “Contra o paro e a explotación. Mobilización!”. Unha acción que non é a primeira vez que se fai en Galiza, onde se teñen ocupado oficinas noutras cidades (Ferrol, Vigo, Compostela) por diversos colectivos para denunciar as consecuencias da crise.

No que atinxe a esta ocasión en concreto, a desenvolvida en Ourense, dende a CIG explicaron que o paro en Galiza segue a achegarse ás 300.000 persoas e que no mes de febreiro rexistráronse 2.000 parad@s máis que no mes anterior.

Estas cifras tan negativas serían peores “se temos en conta as mozas e os mozos que deixan de ser demandantes de emprego ao marchar de Galiza para buscar a vida fóra das nosas fronteiras (perto de 78.000 menores de 35 anos antes de rematar 2012)”.

Para este colectivo de desempregad@s da central nacionalista, estes datos poñen de manifesto que as políticas económicas dos Gobernos español e autonómico, "con reformas laborais que destrúen emprego e que non potencian os sectores produtivos, lévannos a unha situación de deterioro, pobreza e explotación que a CIG segue a denunciar na rúa”.

Comentarios