O papel da enerxía nuclear marca o debate sobre o apagamento no Congreso
A comparecencia desta cuarta feira de Pedro Sánchez no Congreso para explicar as causas do apagamento do 28 de abril rematou convertido nun debate sobre o modelo enerxético do Estado. Mentres desde o Goberno apostaron por continuar coas políticas actuais, desde o PP pediron apoio á nuclear.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, marcou os termos do debate desta cuarta feira no Congreso dos Deputados desde o comezo da súa comparecencia, evitando entrar nas causas do apagamento xeral acontecido o 28 de abril, defendendo o modelo enerxético actual e ligando a continuidade de cada central nuclear a "que se cumpran os seguintes requisitos: primeiro, que a prórroga permita garantir a seguridade da poboación; segundo, que sexa economicamente viábel, sen que os cidadáns teñan que pagar máis na súa factura da luz; e terceiro, que a medida sexa conveniente para garantir a seguridade de subministración eléctrica".
Sánchez comezou o debate afirmando que "os cidadáns queren saber o que sucedeu. E que queren sabelo canto antes, pero levará tempo”. Na mesma dirección, resaltou: "Queremos esixir responsabilidades a quen corresponda. E, sobre todo, porque queremos usar esta experiencia para mellorar e facer que o noso sistema eléctrico sexa aínda máis fiábel. En cada crise hai unha aprendizaxe valiosa. E nós debemos aproveitar o desta".
Sánchez manifestou que no Estado "o futuro da enerxía reside en fontes como a hidroeléctrica, a solar, a eólica ou o hidróxeno verde". A este respecto, asegurou que "isto dío a ampla maioría de expertos. Dío a Unión Europea. E dino os propios mercados e investidores estranxeiros. O Goberno de coalición progresista apoia as enerxías limpas non por ideoloxía ou por escuros intereses económicos. Faino porque sabe que o futuro enerxético de España ou é verde ou non será". Nesta perspectiva, apostou por continuar coas políticas desenvolvidas nesta materia.
"É paradoxal", afirmou Sánchez en relación coa enerxía nuclear que "os mesmos que acusan o Goberno de non dar aínda coa causa do apagamento, levan días recomendando unha solución. Unha solución que, casualmente, conecta de cheo coa súa axenda ideolóxica e cos intereses dalgunhas grandes empresas enerxéticas. Intereses que non son os da maioría social. Non presentan datos nin probas, só pontifican coa certeza de quen non entende nada ou de quen non queren entender, porque venderon o seu espírito crítico a un bo pagador". Nesta orientación, chamou a desconfiar de "quen lles di que isto vai de renovábeis contra nucleares".
O mandatario lembrou que o calendario de feche das centrais nucleares foi acordado polas propias compañías enerxéticas. Nesta liña, indicou que ningunha delas "solicitou formalmente que se prorrogue o calendario de feche" e apuntou que "se as empresas acordan entre elas prorrogar a vida das centrais, nós estudarémolo".
"O seu modelo enerxético fallou"
O presidente do Partido Popular español, Alberto Núñez Feixoo, espetou a Sánchez que "o seu modelo enerxético fallou" e apuntou que "recuperou a electricidade grazas a un país en que predomina a térmica do carbón", en relación con Marrocos, "e doutro país no que predomina a nuclear", en referencia a Francia. Nesta dirección, reclamou un sistema guiado por "criterios técnicos e non ideolóxicos" e acusou o Executivo do Estado de mercar "gas aos oligarcas rusos".
"Isto non vai de renovábeis ou nucleares, isto vai de renovábeis e nucleares", afirmou Núñez Feixoo, denunciando que "Rede Eléctrica España non garante un mix equilibrado". Na mesma dirección, ironizou con que o Executivo "se esforzou tanto en aparentar ser os máis verdes do mundo que levaron España a negro" e demandou unha "investigación internacional independente" para determinar as causas do apagamento.
A voceira de Sumar e deputada pola circunscrición de Pontevedra, Verónica Martínez, sinalou que o apagamento "evidencia carencias graves de planificación en interconexión e resiliencia do sistema eléctrico" e denunciou que "non podemos permitir que a subministración eléctrica dun país dependa de decisións empresariais orientadas ao beneficio privado".
"Oligopolio eléctrico"
"Necesitamos unha Rede Eléctrica Española 100% pública, que non estea suxeita aos intereses do oligopolio eléctrico", insistiu Martínez, destacando que "as enerxías renovábeis son a resposta enerxética que precisamos para enfrontar os retos que temos por diante e iso só é posíbel se apostamos polo autoconsumo”. Na mesma orientación, reclamou "unha fiscalidade verde para as grandes eléctricas".
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, cualificou o trato dado á Galiza durante o apagamento como "escandaloso". Nesta liña, lembrou que "os encoros do Miño e do Sil puxéronse a producir para subministrar electricidade a Madrid, pero Galiza foi a última en recuperar a electricidade". A este respecto, o deputado do BNG referiuse ao caso do concello de Arzúa, a carón da central hidráulica de Portodemouros, que non recuperou a luz até ben entrada a mañá do día 29.
"Se de algo pode sentirse orgulloso o nacionalismo popular galego foi de parar a central nuclear de Xove, na Mariña, por iso Galiza é un territorio libre nucleares", aseverou, manifestando o rexeitamento da súa formación á forma de despregamento das renovábeis no país, "onde Galiza está sendo tratada como zona de sacrificio, ou para ser preciso como unha auténtica colonia".
REE distribuíu 5.394 millóns aos accionistas en 10 anos
Rede Eléctrica Española está no foco desde o apagamento. A actuación do xestor estatal da enerxía eléctrica durante a propia xornada de 28 de abril e nos meses previos está sendo obxecto de críticas xeneralizadas desde os diversos ámbitos ideolóxicos. Mentres o Partido Popular e Vox critican a súa falta de eficiencia pola suposta vinculación co poder político, as forzas á esquerda do PSOE denuncian que o xestor prima a busca do beneficio para os seus accionistas fronte ao interese público.
O debate desta cuarta feira no Congreso dos Deputados serviu para evidenciar as diverxencias entre o PSOE e os seus socios sobre esta cuestión. Neste sentido, o BNG, Sumar, ERC, EH Bildu e Podemos reclamáronlle a Sánchez que Rede Eléctrica Española volva ser unha compañía 100% pública, como foi nas súas orixes, tras ser fundada en 1985 en aplicación da Lei 49/84 e se mantivo até 1999, cando comezou a ser privatizada polo Goberno español de José María Aznar.
Rede Eléctrica Española é unha compañía moi rendíbel. Así, na última década repartiu 5.394,4 millóns de euros entre os seus accionistas, entre os que destacan o Estado, a través da SEPI, con 20% do capital, Amancio Ortega con 5%, BlackRock con 4,9%.