BNG, ERC, Bildu, Sumar e Podemos instan Sánchez a facerse con 100% de Rede Eléctrica
O PNV ve populista pedir unha empresa pública de enerxía e Junts láiase de que aínda se manteña o imposto de produción eléctrica.
O Bloque Nacionalista Galego, Esquerra Republica, EH Bildu, Sumar e Podemos pediron esta caurta feira ao PSOE que o Estado se faga con 100% de Rede Eléctrica e interveña o sector enerxético para garantir a subministración e evitar apagamentos como o do pasado 28 de abril. É a principal reivindicación que fixeron os socios de goberno ao presidente do Executivo, Pedro Sánchez, durante a súa comparecencia na Cámara Baixa para render contas sobre o apagamento e o aumento do gasto en defensa.
O deputado do BNG, Néstor Rego, subliñou que se a enerxía é un ben estratéxico este ten que estar baixo control público, polo que cre que deberían nacionalizarse as grandes eléctricas e Rede Eléctrica. "Ten máis sentido que nunca", sinalou.
En termos parecidos pronunciouse o portavoz de ERC, Gabriel Rufián, quen dixo que o custo que suporía para o Estado facerse co 100% de Rede Eléctrica rolda os 8.000 millóns e chegou a expor aplicar o artigo 128 da Constitución para intervir no sector eléctrico.
Para Rufián o apagamento non se produciu por un exceso de renovábeis ou por falta de nucleares, senón pola "cobiza" do "oligopolio" enerxético e indicou que se o sistema eléctrico baseouse exclusivamente nas centrais nucleares, o apagamento duraría como mínimo 30 horas. "En definitiva, que unha vez máis, o privado imperou sobre o público", apostilou.
Na súa quenda, Mertxe Aizpurua, de EH Bildu, lembrou que a xeración enerxética en España é máis de 95% privada; o transporte, que corresponde a Rede Eléctrica, é privada nun 80%; a distribución case un 100% privada e, salvo algunhas excepcións en forma de cooperativas, a comercialización tamén é 100% privada.
A deputada culpou ás "privatizacións" de PP e PSOE desta situación e apelou a Sánchez a cambiar este escenario e facerse desde o público co transporte e a distribución eléctrica do país, empezando por Rede Eléctrica, para asegurar que ningún interese económico e empresarial volvan estar por encima do interese da maioría social. "Está disposto a enfrontarse ao lobby enerxético para facelo posíbel? Se abrimos o debate e o trasladamos á cidadanía, a aposta será clara, porque se demostrou que fronte ao privado é e será o público o que protexa á xente", defendeu Aizpurua.
Reinvestir dividendos
A portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Martínez Barbero, instou o presidente a recuperar para o público Rede Eléctrica e a reinvestir os seus dividendos en mellorar as infraestruturas da rede, para asegurar que nunca máis se produza un apagamento como o do pasado 28 abril.
Ademais, arremeteu contra o PP, que aproveitou esta crise para esparexer "mentiras" en lugar de aplicar o principio de prudencia. Martínez Barbero afirmou que o apagamento foi unha "alerta" e unha "chamada de atención" que leva a unha conclusión: non se pode permitir que a subministración eléctrica "dependa de decisións empresariais orientadas ao beneficio privado".
Concretamente, pediu a Sánchez que o Estado recupere "o control público das infraestruturas estratéxicas" e que "non hai mellor momento para logralo ca este". E para iso reclamou que a rede eléctrica sexa "100% pública" sen estar suxeita aos intereses do "oligopolio eléctrico", potenciar as enerxías renovábeis e unha fiscalidade que grave os beneficios das grandes compañías do sector para a mellora da rede.
Á súa vez, argumentou que a enerxía nuclear non é a solución" ante o apagamento, fronte ao que sosteñen PP e Vox, porque "nin é sostíbel nin segura" e ademais é cara. "O retardismo climático é un erro maiúsculo, igual que o é pensar que estamos abocados ao colapso", debullou.
Prohibir a repartición de dividendos
Pola súa parte, Ione Belarra, voceira de Podemos, sinaloulle a Sánchez que a súa obriga é recuperar o control público do sector da enerxía e prohibir ás empresas que repartan "nin un só euro en dividendos ou en beneficios" até que non aclaren por que pasou o apagamento e aseguren que a rede eléctrica é segura.
"O mínimo que deberiamos facer é obrigalas a pagar os custos do apagamento e a garantir a seguridade dunha rede para que non pase nunca máis", agregou Belarra desde a tribuna do Congreso.
A portavoz do PNV no Congreso, Maribel Vaquero, desmarcouse da proposta de crear unha empresa pública de enerxía porque o ve "populismo" e unha idea que os partidos de esquerda deslizan cando hai algún problema dentro da industria enerxética. "O público per se non é sinónimo de eficiencia", apostilou. Así mesmo, Vaquero apuntou que o debate agora non debe centrarse en elixir entre renovábeis ou nucleares, porque é algo que "só xera ruído" e non achega ningunha solución ao ocorrido o 28 de abril.
Renovábeis para o futuro
Neste sentido, o PNV cre que o futuro enerxético pasa polas renovábeis, mais na actualidade necesítase unha combinación de fontes para ter un mix enerxético que achegue seguridade á subministración. Tamén reivindicou impulsar o investimento en redes de transportes e as interconexións a nivel estatal e europeo.
Na quenda de Junts, Miriam Nogueras afeou ao Goberno o seu defensa das renovábeis cando na actualidade mantén un imposto sobre o valor da produción eléctrica que pagan todos os xeradores de electricidade do país e que o Estado español é o único país da UE que o ten, o que penaliza ás enerxías limpas.