Os papeis de Bárcenas sinalaron Acciona como doante do PP galego
A decisión chegou días despois de coñecerse un informe desa unidade que apunta presuntas prácticas corruptas destes antigos dirixentes socialistas e do asesor de Abalos, Koldo García, sinalando a empresa Acciona como a gran beneficiada das contraccións "amañadas" pola trama.
O relatorio da UCO e as conversacións gravadas entre os responsábeis do caso sinalan que Acciona recibiu cinco contratos supostamente irregulares, entre os que destacarían dúas adxudicacións por unha contía de 280 millóns de euros na Rexión de Murcia. Na mesma dirección, as forzas de seguridade consideran que o grupo construtor e exexético Acciona pagou comisións a Cerdán, Abalos e García por unha contía de máis de 500.000 euros.
Acciona está considerada como a principal empresa corruptora do caso. Porén, a UCO non procedeu ao seu rexistro, como si aconteceu co resto das compañías implicadas na trama. Precisamente, desde 2021, o xefe de seguridade da compañía é o anterior responsábel da UCO, o coronel da Garda Civil Manuel Sánchez Corbí.
A presenza de Acciona nos casos de corrupción das dúas últimas décadas tense convertido en habitual. De feito, a compañía foi investigada polo xuíz Pablo Ruz dentro do caso Bárcenas por financiar irregularmente o PP galego na campaña electoral de 2005, que concluíu coa derrota electoral de Manuel Fraga, cuxos Gobernos beneficiaron o grupo con centos de adxudicacións de obras e con ducias de concesións eólicas. Precisamente, entre os papeis de Bárcenas atopábase información das relacións entre o PP galego e a empresa Acciona.
Un dos informes que chamou a atención de Ruz foi elaborado en 2006 polo xerente do PP galego Modesto Fernández. Nel recollíase, que Necso, unha filial de Acciona, achegou aos populares 100.000 euros para a campaña electoral de 2005. Esta mercantil fixo parte da Unión Temporal de Empresas (UTE) que construíu o edificio do Teatro da Música da Cidade da Cultura en Compostela, unha obra de 77 millóns, adxudicada en xuño de 2005 polo Goberno da Xunta en funcións, onde sentaba Alberto Núñez Feixoo como conselleiro.
Acciona foi tamén o principal accionista, con 43% do capital até 2020, da UTE da Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A, a quen a Xunta adxudicou en 2010 os traballos de construción e de xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro. Un informe presentado polo Consello de Contas en xullo de 2024 concluíu que o espazo construído foi inferior en 31.000 metros cadrados ao proxectado e determinou que xerou un quebranto ás arcas públicas de máis de 470 millóns de euros. Na mesma dirección, cuestionou os criterios seguidos polo Goberno galego na adxudicación da obra.
A presenza de Acciona na Galiza é moi relevante. A compañía madrileña propiedade da familia Entrecanales apareceu en 2023, último con datos, como a segunda adxudicataria do Goberno galego, só por detrás de ACS, recibindo, entre outros, un contrato de 32,5 millóns de euros para erguer a nova sede da Xunta da Galiza en San Caetano. Ao tempo, é o terceiro operador eólico do país, cunha potencia instalada de 542 megawatts, a práctica totalidade dos cales lle foron concedidos polos Gobernos de Manuel Fraga.
Adif
A compañía da familia Entrecanales non é a única empresa da trama relacionada con Galiza. Neste sentido, o Tribunal Supremo ordenou esta sexta feira abrir unha investigación sobre as obras da liña de ferrocarril entre Lugo e Monforte adxudicadas a unha UTE da que facían parte a mercantil granadina Obras Públicas y Regadíos. O contrato foi formalizado en agosto de 2021 pola Adif, sendo naquela altura secretaria de Estado de Transportes Isabel Pardo de Vera, cuxa imputación lle reclamou na xornada de esta sexta feira o alto tribunal español á Audiencia Nacional.