Os orzamentos da Xunta para 2022 chegan aos 11.627 millóns de euros

Alberto Núñez Feixoo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)
Feixoo saca peito e presume de que son "os máis altos da historia". 

Os orzamentos da Xunta para 2022 "rachan un teito" e son "os máis altos da historia", ao ascender a 11.627 millóns de euros, segundo destacaron esta segunda feira o presidente galego, Núñez Feixoo, e o novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

En rolda de prensa após a aprobación do proxecto en Consello, o titular do Goberno galego cifrou en "máis de sete" de cada 10 os euros que as contas públicas dedican a financiar o gasto social na Galiza.

Así, situou o total do gasto social en 8.660 millóns, cun incremento de 610 respecto dos anteriores orzamentos: 269 dedicados ao reforzo en sanidade (que se sitúan nun total de 4.583 millóns), 179 á educación (en total 2.695 millóns), 126 ás políticas sociais (987 en total) e 37 ao emprego (395).

Son unhas contas, segundo Feixoo, que "non hipotecan o futuro, reducen ao máximo histórico os intereses da débeda, garanten como nunca os servizos públicos e non entorpecen a recuperación das familias" mediante unha rebaixa de impostos que dependen da comunidade. "Son os da recuperación", resumiu.

De "realista e prudente" cualificou Feixoo o cadro macroeconómico, que revisa á alza o crecemento para este exercicio, até o 6%, o mesmo que estima para 2022 após unha baixada do 8,9% en 2020. En canto ao paro, sitúao no 12,2% a finais de ano e no 11,7% ao acabar 2022.

Por capítulos de gastos, os investimentos reais ascenden no proxecto do exercicio que vén a 1.441,9 millóns, un 10,3% máis e as transferencias de capital sitúanse en 1.12,5 millóns, polo que o total de gastos de capital ascenden a 2.554,5 millóns, un 14,6% máis.

Pola súa banda, o xefe do Goberno galego apuntou a un investimento "histórico" de 2.500 millóns que, dixo, hai que sumar a outros 2.500 en 2021.

No caso concreto do emprego público, Corgos reivindicou a "maior dotación da historia" para gastos de persoal, con 84 millóns para facer efectivo o incremento salarial do 2% aos funcionarios.

Neste extremo, sinalou a previsión de dotación de 1.330 prazas nos cadros de persoal das institucións sanitarias públicas, entre as que a Xunta resalta 501 prazas de persoal facultativo, 479 prazas de enfermaría e 162 para persoal residente en formación.