Loita e soberanía para afrontar ''o peor momento" da clase obreira "despois da caída da ditadura"

Pechado en Compostela o VI Congreso que a central nacionalista CIG realizou durante esta fin de semana. O sindicato estrea nova executiva e mantén o seu secretario xeral, Xesús Seixo, reelixido co 90,2% dos votos a favor. Repite mandato por catro anos. No acto de encerramento, situou a destrución de emprego como principal problema da Galiza e reclamou un salario de inserción social para desempregad@s


Convócovos á loita en desespero, coa palabra xa cansa de derrota, que o silencio está acabando cos menceres [...] Que nos comen os tecnócratas traidores que só pensan que vivir así é cadea para os outros e non para eles, que os gobernan [...] Arredistas da neutra posición que nada arrisca, que engaiolan os coitados con algunha comencia ou a aqueles que, perdidos, nunca soñan nin esperan [...] E aínda así, coa fatiga das batallas, venceremos [...] pois é nosa, e só nosa, a nosa Terra


Con esta declaración de intencións pronunciada por Mini e Mero cos acordes do seu Alén do teu recordo soando de fondo arrincou este domingo en Compostela o acto de encerramento do VI Congreso da central sindical nacionalista CIG.

Aínda se atreveron con outro tema, Irmaus, escollido porque marca "tempos de loita" e porque fixo parte "da mocidade de moit@s", antes de que @s integrantes da nova Executiva confederal, escollida por 508 votos a favor, 30 en branco e 15 nulos, tomasen posición na mesa colocada riba do escenario.
 

O pior momento "despois da caída da ditadura"

Advertira Xesús Seixo antes de encetar o encerramento de que a clase obreira galega, amplamente representada no salón do Palacio de Congresos da capital galega, leva catro anos afrontando "a situación máis complicada desde a caída da ditadura franquista".

"É imposíbel pactar nin co goberno nin coa patronal nada que sexa bo para a clase traballadora"

O que foi secretario xeral durante ese tempo, e que vén de ser reelixido para máis un mandato con 499 votos a favor (o 90,2%) 50 en branco e 4 nulos, aproveitou o seu discurso de peche do Congreso para sinalar cara aos dous vieiros que á Galiza lle quedan para saír da situación de crise que atravesa: "soberanía" e "mobilización".

Antes do discurso de peche, un saúdo para as organizacións políticas, xuvenís e do sindicalismo agro-gandeiro presentes no Congreso, así como para as delegacións internacionais, máis dunha ducia chegadas de Angola, Cabo Verde, Franza, Portugal, Arxentina, Euskal Herría, Catalunya, Chipre, Cuba, Colombia ou Brasil e coa notábel ausencia de Palestina, que fora convidada e non puido chegar porque a UE lle denegou o visado de entrada. 

A delegación convidada de Palestina non chegou á Galiza: a UE denegoulle o visado de entrada

A loita, "o único camiño que nos queda"

"É certo que as catro folgas xerais que se fixeron non conseguiron parar as agresións" á clase obreira, recoñeceu Seixo. Porén, enfatizou unha e outra vez que "é este o único camiño que nos queda", deixando claro que a CIG rexeita a postura doutras centrais sindicais con dependencia española como CC OO e UGT, que avalan o pacto social co goberno do Estado como maneira de procurar unha saída a estes tempos marcados pola destrución de emprego e os recortes sociais. "Pacto social con quen, para que e a cambio de que?", quixo saber Seixo, subliñando que "é imposíbel" pactar nin co Executivo español nin coa patronal "nada que sexa bo para a clase traballadora". 

Mocidade, mulleres, estafad@s coas preferentes ou ameazad@s polos despexos foron algúns dos colectivos que o secretario xeral da central nacionalista nomeou como especialmente afectados polas políticas emprendidas desde os gobernos galego e español, ambos os dous en mans do PP. "Non nos valen respostas espontáneas por moita que sexa a indignación que as provoca", recalcou. 

Seixo bateu contra a posición "sumisa e pro-española" que mantén a Xunta do PP

Organización ao redor do sindicalismo combativo

"Temos unha ferramenta na man que se chama organización e que no caso galego pasa polo sindicalismo de clase e nacionalista", continuou, en referencia á primeira das reivindicacións con que foi convocado este VI Congreso. A respeito do segundo, a loita, foi sinalado como o único camiño nun contexto en que é sabido que "o capital vai continuar co debilitamento e a sobreexplotación da clase traballadora". E para enfatizar a necesidade do terceiro, a soberanía, Seixo bateu coas súas palabras contra a posición "sumisa e pro-española" que mantén o Goberno galego, reclamando un maior marco competencial para que a política económica, educativa, sanitaria ou pesqueira do noso País poida escribirse na Galiza.

Así as cousas, Seixo transladou o seu convencemento de que "hai alternativas" e citou entre elas unha política fiscal onde paga máis quen máis ten, rematar coa especulación da débeda e que non se pague a débeda ilexítima, unha banca pública galega e retirar as contrarreformas laboral, das pensións e da negociación colectiva. Colocou esta última como unha das principais ferramentas con que conta a clase traballadora para defender os seus intereses e fixo fincapé nas ansias por a debilitar por parte da patronal e coa conivencia dos gobernos "que lle entraron ao trapo". 

CIG reclama un maior marco competencial para que as nosas políticas as decidamos nós

Soberanía fronte a políticas "antisociais, antiobreiras e antigalegas"

Críticas tamén para a Unión Europea "e para as institucións que a dirixen, xa coñecidas como a troika" e para o Executivo español polas súas políticas "fortemente recentralizadoras e negadoras da soberanía nacional das nacións que o integran"; un rexeitamento "firme" ás políticas "antisociais, antiobreiras e antigalegas" da Xunta do PP, cun marcado "pouso franquista"; e o rexeitamento de todas as medidas "que non nos van sacar da crise nin están pensadas para iso", senón que supoñen simplemente un brinde ao sol para os intereses da banca foron os puntos álxidos dun discurso que culminou coa interpretación do Himno e un berro desde as bancadas: 'Galiza ceibe, poder popular'.

Comentarios