O desemprego na Galiza supera xa o 20% e hai 37.500 parad@s máis que hai doce meses

A Enquisa de Poboación Activa sinala que na Galiza hai 264.000 persoas desempregadas, 37.500 máis que hai 12 meses. No estado o número de parad@s marca un récord histórico, achegándose ás 5.800.000 persoas.
Desemprego construción
photo_camera Desemprego construción

Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre volven presentar datos esmagadores a nivel de estado e, tamén, de Galiza. Aínda que no noso país o número de persoas en paro descendeu en 11.900 a respecto do trimestre anterior, na comparación interanual (máis fiábel para interpretar a tendencia de emprego), Galiza semella avanzar cara a se converter nunha factoría de parad@s.

Nestes 12 meses na Galiza aumentaron as persoas en desemprego en 37.500. A taxa de paro é do 20,13%, cando no terceiro trimestre de 2011 estaba no 18,3 por cento. A destrución de postos de traballo atinxiu todos os sectores productivos do país.

Un total de 1.737.900 fogares no estado teñen todos os seus membros en paro.

Alén disto, o emprego existente está marcado cada vez máis pola temporalidade, coa precariedade laboral que isto implica. Un exemplo disto: a CIG informa que no pasado mes de setembro se asinaron un total de 60.957 contratos, dos cales o 92,2% foron eventuais e tan só un 7,8% indefinidos.

A mocidade segue a ser a máis castigada. De feito, a taxa de paro entre as persoas menores de 25 anos alcanza o 46,4%.

Feijóo tomou posesión o 14 de abril de 2009. Naquela altura, Galiza tiña un 12% de desemprego na poboación activa. Tres anos e medio despois as persoas desempregadas son xa o 20 por cento.

No nivel estatal, o desemprego é xa do 25% e as persoas no paro son 5.778.100. Un total de 1.737.900 fogares no estado teñen todos os seus membros en paro.

CIG alerta da temporalidade e precariedade

Desde a CIG valoráronse os datos da EPA, sinalando que eses datros apuntan a que "todo o emprego creado neste trimestre, que coincide co período estival, correspóndese co sector servizos, o que dá unha idea da súa estacionalidade. Xunto a isto, o feito de que toda a contratación fora temporal, constata a fraxilidade do mercado de traballo. Tal é así, que a contratación indefinida baixou en 7.700 persoas, mentres que a temporal se incrementou en 18.000". Os datos da EPA revelan, xa que logo, que se está a destruír o emprego en sectores clave para a economía galega, como o de Industria, que non depende de condicións climatolóxicas e que é o que pode favorecer o crecemento e fixar poboación.

 A central nacionalista sinala tamén que, xunto a isto, non deixan de ser preocupantes os datos de fogares con todos os membros en paro. Se ben sufriu un leve descenso respecto do trimestre anterior, o certo é que respecto do ano pasado, o número de fogares con polo menos un activo e nos que todos os activos están no paro é de 7.500, co que se incrementou en 14.500.

CCOO pide un cambio nas políticas

Para Comisións Obreiras, os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre de 2012 reflicten unha mellora estacional e non implican un cambio de tendencia no emprego.

CC OO esíxelle ao Goberno saído das urnas un cambio nas políticas a aplicar para transformar en estrutural a variación estacional do emprego.

Comentarios