BNG acusa a Feijóo de “incompetente” polos datos do paro e chama a secundar a Folga Xeral do 14N

Tras darse a coñecer os datos do paro rexistrado do pasado mes de outubro, que elevan a a 267.812 as e os parados no noso país, o BNG reaccionou cargando con dureza contra as políticas do Partido Popular. O PP pola súa banda limitouse a “lamentar” os datos mais tentou xustificalos asegurando que o descenso é o “tradicional” nos meses de outubro.



“Incompetente e incapaz de parar a sangría do paro”. Así se referiu hoxe Olaia Fernández Davila a Alberto Núñez Feijóo. A deputada do BNG no Congreso afirmou que os datos de hoxe “contradín os da EPA, e a realidade é que o paro sigue a medrar en Galiza por riba da media estatal. Para Davila os datos, que cualificou de “pésimos”, son responsabilidade do Goberno galego xa que, segundo ela, “demostran o estrepitoso fracaso das súas políticas”. “Feijóo non fixo nada para parar este drama social, ao contrario” denunciou para de seguido reclamar “cambiar de rumbo e concentrar os esforzos na creación de emprego en lugar de seguir coa tesoira a facer recortes”.

Quen tampouco se librou das duras críticas da fronte nacionalista foi o Goberno central. Davila cargou contra Fátima Bañez despois de que a ministra de Emprego asegurase que a reforma laboral “era positiva para as empresas”. “A reforma laboral é destrutiva e só favorece que as empresas manden a xente á rúa” retrucou a deputada do Bloque.

Jorquera chama a secundar a Folga Xeral

Pola súa banda Francisco Jorquera, quen exercerá a portavocía do BNG no Parlamento galego a partir do próximo día 16, denunciaba tamén que os resultados da reforma laboral son “o paro en taxas históricas, mais dun terzo de parados sen prestación, a fractura social servida”. Jorquera chamou a secundar a folga xeral do próximo 14 de novembro. “Hoxe máis que nunca hai que plantarlles cara. Todos á folga do 14 de novembro” afirmou desde o seu perfil na rede social twitter.

O PP limítase a “lamentar” os datos

Ben diferente foi a reacción do Partido Popular, que se limitou a expresar que “lamenta o incremento das cifra do paro e asegura que a súa prioridade nesta Lexislatura seguirá sendo combatelo”.

Aliás, no comunicado remitido polos populares tentan xustificar os datos asegurando que “se rexistrou unha evolución interanual mellor en Galiza que a media do Estado” así como que “ é tradicional que nos meses de outubro se rexistre un aumento do desemprego”.

Comentarios