Os novos xestores de Ferroatlántica anuncian máis recortes

O persoal continúa as mobilizacións en defensa dos empregos e para esixir a actuación da Xunta.

Concentracion Ferroatlantica Cee (CIG)
photo_camera Concentracion en Cee de persoal de Ferroatlantica (CIG)

Os novos xestores de Ferroatlántica informaron que van recortar aínda máis a produción de ferroaliaxes. O presidente do comité, Alfonzo Mouzo (CIG), lembra que as factorías están a 30% da súa capacidade de fabricación (cun forno parado e cos outros a baixa actividade) , mentres que a produción de electricidade está a 100%, o que para traballadores e traballadoras confirma que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía.

De feito, apunta Mouzo, a empresa está vendendo catro veces máis enerxía da que compra para fabricar ferroaliaxes, “algo que contravén claramente as condicións das resolucións da Xunta a respecto de que a produción hidroeléctrica debe garantir a actividade das fábricas”.

Persoal de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e das Centrais Hidroeléctricas continuaron co calendario de mobilizacións en defensa dos empregos e da actividade produtiva e para esixir da Xunta que convoque de inmediato unha reunión a tres partes (empresa, comité e Administración) "para coñecer dunha vez por todas os termos do acordo e contratos entre TPG e Ferroatlántica e abordar un plan de viabilidade".

O comité critica a “actitude pasiva” da Consellaría de Industria que, a pesar do recorte “drástico” da produción, do desmantelamento progresivo que están a sufrir as fábricas e dos incumprimentos no relativo aos compromisos de investimento.

Comentarios