ECONOMÍA

Novo récord para o prezo da luz, que mañá superará os 124 euros

Novo récord para o prezo da luz, que mañá superará os 124 euros

O prezo da electricidade previsto para mañá pulveriza o anterior récord histórico de 122,76 euros, acadado o 26 de agosto.
rede eléctrica tensión
photo_camera rede eléctrica tensión

O prezo medio diario da electricidade no mercado almacenista acadará esta segunda feira un novo récord histórico, ao situarse nos 124,45 euros por megawatt (MWh), un dato que pulveriza os 122,76 euros/ MWh do 26 de agosto, que lideraba a serie histórica até o de agora.

O prezo medio que a luz rexistrará mañá supón unha subida de 24,76% respecto ao rexistrado hai unha semana, o 23 de agosto (99,76 euros/ MWh), e de 21,97% en relación ao prezo de hoxe domingo (102,03 euros).

Mañá o prezo máximo será 132,92 euros/ MWh, de 09.00 a 10.00 horas, e o mínimo situarase en 112,31 euros/ MWh, de 04.00 a 05.00 horas, segundo datos de OMIE.

Con respecto a hai un ano, o prezo medio diario da electricidade para este domingo multiplícase por tres en comparación co 31 de agosto de 2020, cando se situou en 42,01 euros/ MWh.

No que vai de agosto, o 'pool' pulverizou todos os récords vistos até o de agora, apuntando a un prezo medio para o mes por encima dos 100 euros/ MWh.

Este contexto de subidas no ' pool' eléctrico está marcado polo incremento nos prezos dos dereitos de CO2 e do gas, aos que se uniu o incremento da demanda polas altas temperaturas e unha menor contribución das renovábeis, especialmente a eólica pola ausencia de vento.

En concreto, os dereitos de emisión de CO2 encarecéronse e rozan os 56 euros por tonelada no que vai de agosto, cando no principio do ano cotizaban ao redor dos 33 euros. Mentres, o prezo do gas natural sitúase ao redor dos 47 euros por MWh, segundo datos de Mibgas.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios