O novo dono de Vulcano aspira a crear un 'holding' naval en Vigo

O novo investidor conta con facturar máis de 8 millóns no primeiro ano, mais pide facilidades de financiamento da operación.
Acceso principal do estaleiro factorías Vulcano (Europa Press)
photo_camera Acceso principal do estaleiro factorías Vulcano (Europa Press)

As instalacións de Factorías Vulcano na ría de Vigo teñen novo dono. Trátase de José Alberto Barreras, quen, a través da firma Marina Meridional, foi o único que presentou oferta por uns terreos nos que agora quere levantar talleres de calderaría.

Mentres resolve a cuestión do pago, 7,85 millóns que descarta aboar "de inmediato", como lle exixe a Administración concursal, Barreras vai desvelando as súas intencións, que pasan por crear un novo holding naval en Vigo orientado á construción, reparación, mantemento e acondicionamento de buques. 

A súa proposta contempla destinar os estaleiros a atender buques comerciais, pesqueiros, supply, remolcadores, pontonas, ferris de pasaxe e grandes iates. Tamén remarca que desenvolverá acordos e ofrecerá servizos a empresas locais relacionadas con metalmecánica e composites avanzados.

Segundo as súas previsións, o holding facturará máis de 8 millóns de euros desde o primeiro ano e xerará 70 empregos directos e 300 indirectos. Ademais, conta con acadar entre 85 e 100 postos de traballo directos entre os anos 2022 e 2023. Así, o documento estima que, após a consolidación do proxecto, dará servizo a entre 20 e 25 buques ao ano, o que permitirá manter 100 empregos no estaleiro e xerar outros 700 de modo indirecto. Tamén asegura que priorizará os empregados de Vulcano no proceso de selección de persoal.

Pendente da concesión

Pero para iso Barreiras quere despexar a cuestión da concesión dos terreos portuarios,  necesaria para garantir a viabilidade do seu proxecto de "alta calderaría". Será o ditame do Consello de Estado o que determine se os terreos de Vulcano deben reverter no Porto de Vigo, dada a situación do estaleiro ou se se mantén o prazo da concesión, que expira en 2027.

"O maior obstáculo é a postura firme de López Veiga", sinalou, ao tempo que afirmou que non venderá a sociedade nin especulará cos terreos se se lle adxudican. Así, o neto do fundador do estaleiro Hijos de J. Barreras e accionista de Vulcano (con 6%) confía en que a Administración concursal que leva o proceso de liquidación de Vulcano lle outorgue de prazo até setembro para aboar créditos contra a masa e estabelecer conversacións coa Xunta e o Goberno español até ese momento.

Comentarios