Novagalicia Banco anuncia unha solución ''bastante inmediata'' para a estafa das preferentes

 
Banco de España e Unión Europea dan luz verde á proposta de Feijóo: a arbitraxe. Desde o BNG entenden que apostar por este procedemento ''é igual que a equidistancia'' e recordan que a porta dos tribunais ficará pechada

Novagalicia Banco vén de anunciar unha "solución bastante inmediata" para as ducias de persoas afectadas na estafa das participacións preferentes. Segundo informou á Xunta o presidente executivo da entidade, José María Castellano, o Banco de España e a Unión Europea autorizaron a arbitraxe como vía para chegar ao acordo.

Agardando coñecer cales son as condicións nas que se procederá, a postura do BNG era contraria á arbitraxe, a opción proposta polo titular do Executivo galego @s afectad@s. En palabras do candidato nacionalista á Xunta, Francisco Jorquera, pronunciadas ao respecto, apostar por este procedemento "é igual que a equidistancia". Acusou a Alberto Núñez Feijóo de non asumir as súas responsabilidades.

A arbitrache fecha a porta dos tribunais
Tal e como explicou, as responsabilidades de Feijóo no caso das participacións preferentes de Novagalicia Banco veñen derivadas das competencias que a Xunta tiña sobre as caixas de aforros que emitiron eses produtos. Sobre este conflito, o titular do Executivo galego puxo riba da mesa a opción da arbitraxe, rexeitada con rotundidade entre as persoas afectadas --máis de 70.000 persoas-- porque non é garantía de que recuperen o 100% do capital invertido --900 millóns, segundo recoñeceu o propio Novagalicia Banco-- e porque a vía xudicial ficaría fechada.

Tamén Jorquera manifestou unha postura contraria á arbitraxe, e reprochou da Xunta que siga a tapar "un auténtico corralito" e que permitise a "bancarización" de Novacaixagalicia. Coas súas palabras, o nacionalista deixou claro que "é preciso" que Novagalicia Banco devolva os cartos", un obxectivo que implica "un cambio de estratexia" que pasaría por fixar a exixencia de entregar cartos públicos á banca debe haber o compromiso de resolver "o problema das preferentes".

O Xulgado de Instrución nº1 de Cambados estimou "integramente" nestes días a demanda presentada por un d@s ao redor de 42.000 afectad@s pola que se deu en chamar 'estafa das preferentes'. Na súa resolución, a instancia xudicial condenou a Novagalicia Banco, entidade subscritora das participacións, a lle devolver ao seu cliente, un veciño de Meaño, os 7.560 euros que investira, para alén dos intereses contraídos desde o 28 de novembro de 2011, cando presentou a demanda. O banco foi tamén condenado a costas, isto é, terá que pagar todos os gastos derivados do xuízo. Contra a sentenza cabe recurso perante a Audiencia Provincial de Pontevedra, mais a entidade bancaria anunciou xa que acatará a resolución xudicial.

Comentarios