'Nós Diario' lanza a colección de libros "A riqueza da Galiza 2025"

Capas dos libros da colección de economía que Sermos Galiza editará en 2025. (Foto: Nós Diario)
Para celebrar o quinto aniversario, 'Nós Diario' obsequiará as subscritoras e subscritores con 10 volumes da autoría de recoñecidos e recoñecidas especialistas en economía. A data para solicitalos remata o 20 de xaneiro. Subscríbete a través desta ligazón!

Nós Diario agasallará ao longo de 2025 aos subscritores e ás subscritoras 10 libros de recoñecidos e recoñecidas especialistas, onde se analizan diversos aspectos da realidade económica galega. A colección esta coordinada pola doutora en Economía e profesora xubilada da USC, María do Carme García-Negro.

Os subscritores e as subscritoras de Nós Diario (podes subscribirte a través desta ligazón) que queiran obter os 10 volumes que conforman esta colección de libros de economía deben remitir un correo –con data límite o 20 de xaneiro– ao enderezo electrónico subscricion@nosdiario.gal, indicando o interese en recibir os libros e achegando o seu nome, apelidos e número de teléfono.

Unha imaxe real da economía galega

A colección, que é gratuíta para os subscritores e as subscritoras do xornal que a demanden, poderase tamén adquirir en librarías por un custo de 10 euros cada libro e 100 euros o total da colección. Aquelas persoas que se subscriban até o 20 de xaneiro, poderán recibir na súa vivenda de balde estes volumes.

A colección, editada por Sermos Galiza, agrúpase baixo o título de A riqueza da Galiza 2025. Segundo García-Negro, “queremos achegar aspectos relevantes da nosa economía, baixo a idea da riqueza da Galiza, contra a falsa imaxe negativa da nosa economía. Porque temos recursos naturais, capacidade de produción propia, capacidade fiscal e forza laboral preparada e capacitada”.

Os 10 libros que completan esta colección entregaranse aos subscritores e ás subscritoras durante todos os meses de ano, agás en xullo e agosto. O primeiro deles publicarase en xaneiro, titularase A produçom agroalimentar e forestal e será da autoría dos profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) especializados en economía agraria, Bernardo Valdês e Mar Pérez Fra.

O mes de febreiro saíra á luz o volume A industria do mar e a soberanía alimentar, un libro do economista da USC e especialista en economía pesqueira, Gonzalo Rodríguez. Á volta de marzo publicarase o estudo titulado A construción, do tamén profesor da USC Manuel Vilas.

Ao tempo, en abril, o catedrático de Historia Económica da USC Xoán Carmona e o profesor de Economía Aplica da USC Edelmiro López achegarán un libro titulado A industria onte e hoxe.

O sector financeiro, traballo conxunto do catedrático de Economía Financeira e Contabilidade da USC Luís Otero e dos profesores da mesma área Celia López e Pablo Durán, verá a luz en maio.

Perspectiva global

O mes seguinte, o doutor en Arquitectura Iago Lestegás publicará un volume baixo o título de O turismo e en setembro o profesor da USC Alberto Turnés achegará o libro O papel do Estado. A responsábel do gabinete de Economía da CIG, Natividad López, publicará en outubro un volume sobre A forza laboral galega. Asemade, en novembro, o técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) Pedro Salamo analizará no libro O sector exterior a economía galega, rematando a colección en decembro co traballo do profesor da USC Miguel Pazos: O transporte.

García-Negro explica a Nós Diario que “o obxectivo principal é divulgar cunha linguaxe accesíbel e dunha forma pedagóxica a situación actual da economía galega, pondo ao día análises e ofrecendo unha visión de conxunto que permita obter unha perspectiva global do que acontece no país”.

Podes subscribirte a Nós Diario a través desta ligazón