"Non podemos ter casos como o de Vulcano e tratar o investidor a paus"

A Asociación de Industriais Metalúrxicos da Galiza (Asime) amosa a súa preocupación pola situación actual nun sector que acusa a falta de investimento, a situación mundial e as decisións dos Gobernos galego e estatal. O 20 de febreiro comezará as negociacións para o novo convenio colectivo.  
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime (Asime)
photo_camera Enrique Mallón, secretario xeral de Asime (Asime)

As industrias metalúrxicas galegas son fundamentais para a economía e o emprego polo seu volume de facturación e número de empregos directos e indirectos que xestiona. Como definiría a súa “saúde” tendo en conta que semella que non damos saído da recesión? 

Podemos dicir que a previsión para 2020 é dun lixeiro crecemento mais con algunhas crises que son relevantes para o sector do metal como poden ser os casos dos estaleiros Barreras e Vulcano, a caída de actividade dos estaleiros de Navantia é o lento arranque da elaboración de estruturas metálicas na construción da obra pública e privada que non melloraron os números en relación a períodos anteriores. Agardemos que situacións como o Brexit non impacten tamén no noso sector.                 

A saída de Gran Bretaña da Unión Europea e a situación mundial poden ser negativas para as industrias metalúrxicas galegas? 

Hai moitas empresas do ámbito da automoción, da metalmecánica e da fabricación de elementos de transporte que traballan moito con Gran Bretaña. Se non se fan ben as cousas poderían ter un impacto negativo. Tivemos reunións con persoas expertas en aduanas para que as empresas estean ben asesoradas e salven ese novo obstáculo. Hai que engadir o proteccionismo cada vez máis crecente de países como Estados Unidos de América ou Canadá que afectan ao sector naval galego. O 60% das nosas industrias traballan con mercados exteriores. 

Que papel xoga Portugal que ten prezos do chan máis baixos. Prexudica para que as empresas galegas manteñan a súa presenza na Galiza? 

Nós defendemos a coordinación con Portugal, o polo ibérico que se está a crear no sector metalúrxico, mais tamén cremos que Galiza ten que ser líder polo coñecemento e experiencia que temos na industria. Cremos que hai que tratar ben os posíbeis investidores, hai que habilitar fórmulas para que sexamos atractivos. Non podemos ter casos como o de Vulcano onde aparece un investidor e tratámolo a paus e non facilitamos ese investimento. Na Galiza, na última década, os investimentos destacados na nosa industria son moi escasos. As administracións públicas deberían recibir cos brazos abertos os posíbeis investimentos e facilitar o acceso a chan industrial e a fondos de cualificación profesional. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios