Desmente a versión do triunfo de Feijóo

Montoro esclarece que nunca falou de quita, senón de "reestruturación"

Montoro e Feijóo no Ministerio de Facenda [Foto: Efe]

Afirma que as comunidades autónomas puideron aforrar "moito en forma de intereses" ao se financiaren cos mecanismos públicos -o FLA e o FFF. A Xunta optou por non acudir apenas a eses fundos, indo a mercados privados co conseguinte sobrecusto para as arcas públicas galegas.

As terminais mediáticas vinculadas a Feijóo -e á súa eventual candidatura ao relevo de Rajoy- venderon a cimeira desta terza feira en Génova como o cenario en que o presidente da Xunta tería arrincado de Cristóbal Montoro, ministro de Facenda, o compromiso de non realizar ningunha quita sobre os máis de 250.000 millóns de euros cos que as comunidades autónomas se financiaron a partir de 2012.

 

Montoro non tardou demasiado en esclarecer, nunha entrevista nocturna na COPE, que el nunca falara de quita e que, por tanto, a condonación da débeda nin estivo nunca sobre a mesa nen foi obxecto de negociación cos baróns do partido no xantar de traballo de Génova. Un desmentido en toda regra á versión dalgúns meios -alimentada polo propio Feijóo- de que estaríamos perante un triunfo diplomático do presidente da Xunta.

 

"Eu nunca falei de quitas. E se saen contentos os presidentes do PP dicendo que non hai quita, pois estupendo. Coincidimos todos!", dixo irónico.

 

A seguir, o ministro de Facenda enfatizou que "iso non quere dicer que non reestruturemos esa débeda". Non tería sentido non facelo, dixo, nun momento en que se está a negociar un novo sistema de financiamento -o actual, de 2009, caducou a finais de 2014- e en que as comunidades autónomas deberían voltar a se financiar normalmente na banca privada.

 

Grazas aos mecanismos públicos de financiamento -dos que a Xunta apenas se beneficiou por unha decisión política de Feijóo-, "Valencia", exemplificou Montoro, "en vez de ter débeda frente a un consorcio bancario internacional tena co Estado".

 

A reestruturación pode contemplar distintas fórmulas, mais en todas elas as comunidades autónomas debedoras acharán un alivio para as súas finanzas.