A greve en Novagalicia Banco atinxiu arredor do 90 por cento das oficinas da entidade

A xornada de folga convocada en Novagalicia Banco (NGB) tivo un amplo seguimento no cadro de persoal. Desde a CIG afirman que o 90% das oficinas e sucursais da entidade financeira sumáronse á protesta. Os sindicatos convocarán dúas xornadas de folga, 14 e 15 de febreiro
ngb

A práctica totalidade das oficinas pechadas e milleiros de traballadores e traballadoras tomando parte activa nas manifestacións. A convocatoria de folga en Novagalicia Banco (NGB) contra o ERE na entidade é un éxito, segundo as centrais sindicais con representación. Sinalan, por pór un exemplo, que en toda a provincia de Ourense apenas abriron as portas as sucursais de Maceda e Celanova. 

Desde primeiras horas da mañá, os piquetes informativos percorreron as oficinas de NGB. "Non facíamos moita falta, a xente estaba convencida da necesidade de acudir a esta folga", sinalaba un filiado da CGT en Compostela. Desde a CIG afírmase que o 90% das sucursais secundaron a protesta. E as mobilizacións foron masivas. "Hai 2.250 postos de traballo en xogo, os que queren despedir", apuntan.

Conta os despedimentos impostos por Bruxelas e Madrid

Dende as organizacións sindicais subliñouse que “os paros parciais fixeron que a empresa movese posición, mais aínda estamos moi lonxe de conseguir salvar todos e cada un dos postos de traballo”. Por iso decidiron convocar unha folga. Nun principio, esta protesta ía ser secundada por todas as entidades nacionalizadas, como Bankia ou Banco de Valencia. Mais finalmente foi só o persoal de NGB o que secundou a greve, após que nos outros bancos se desligasen por acordos coa empresa.

Na última xuntanza entre Novagalicia Banco e as organizacións sindicais ficou enriba da mesa unha proposta da patronal que abrangue todos os aspectos que presentou no Ministerio de Traballo: despedimentos, mobilidade, suspensións de contrato e modificacións substanciais das condicións laborais. A empresa propón, con carácter xeral, indemnizacións por despedimento de 28 días por ano traballado cun máximo 18 mensualidades. Para o persoal maior de 55 anos no 2013, a entidade cotizaría á Seguridade Social até os 61 anos (na súa proposta inicial era até os 63).

Contraproposta sindical

Por parte da representación sindical trasladouse unha proposta para evitar que se produzan despedimentos e garantir a viabilidade da entidade. As propostas inclúen que o reaxuste debería establecerse en 5 anos, cunha condición resolutoria para paralizar o proceso se se producir a poxa por parte do FROB. Todas as propostas sindicais teñen como fin reducir a cero os despedimentos. Así, as centrais tamén advogan por un reparto do traballo entre todo o cadro de persoal. ou ben un programa efectivo de recolocacións máis alá do mínimo legal.

Comentarios