María Cadaval: "É necesario crear un novo modelo de tributo eólico"

María Cadaval nun momento da conversa con 'Nós Diario'. (Foto: Nós Diario).

A fiscalidade das instalacións eólicas é un motivo de diverxencia entre ecoloxistas e propietarios dos terreos coas empresas eléctricas e as Administracións. A profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Cadaval analiza para Nós Diario esta cuestión.

—Canto deixan na Galiza os diferentes operadores eólicos en función dos diversos impostos?

Cando se fala de fiscalidade debemos atender á realidade dos tres niveis de goberno. A eólica, pola súa propia tecnoloxía xeradora de electricidade non se ve afectada pola maior parte dos tributos que gravan a xeración de enerxía a nivel estatal, alén do IVE e o Imposto sobre o valor da produción da enerxía eléctrica. No eido local, as figuras impositivas que afectan ao sector eólico na Galiza son as mesmas que ás demais actividades, o que depende en gran medida das ordenanzas municipais. Nada relevante a nivel de recadación.

A nivel autonómico, a Galiza é, xunto con Castela e León e Castela-A Mancha, unha das comunidades que gravan o impacto ambiental que supón a xeración de enerxía a través dos operadores eólicos. Foi pioneira na implantación do canon eólico no ano 2009 e, segundo os datos do  Ministerio de Facenda do último exercicio liquidado, 2020, obtivo unha recadación de 22.323.960 de euros.

—O canon eólico é moi criticado polas propietarias e propietarios dos terreos onde se asentan os aeroxeradores e polo movemento ecoloxista e defendido pola patronal eólica. Que aspectos considera positivos dos mesmos e cales cualificaría como problemáticos?

Como aspectos mellorábeis están a definición mesma do impacto a gravar, os tipos de gravame cero para parques con tres ou menos aeroxeradores, así coma tamén o reparto do fondo de compensación ambiental. A día de hoxe, a finalidade do fondo é discutíbel, bótase en falta transparencia no destino destes fondos, a publicación dos criterios que se usan para o seu reparto e o uso final e efectivo dos mesmos.

—Que significa a nivel fiscal que as compañías eólicas paguen impostos polo número de aeroxeradores e non pola potencia instalada?

A normativa galega estabelece unha bonificación para os parques eólicos que realicen actividades de repotenciación. Así pois, reducir o número de aeroxeradores, non implica un menor impacto ambiental malia que as empresas que o fan se vexan beneficiadas por un canon menor, ao tempo que incrementan a súa produción exponencialmente  sobre a potencia previa e, por conseguinte, os seus beneficios.

Neste senso, e tendo en conta que o proceso de repotenciación é unha realidade, dada a antigüidade media dos parques existentes na Galiza, o mantemento do canon en función do número de aeroxeradores freará os ingresos e o desenvolvemento das actuacións ambientais, mais non así os efectos negativos que producen os novos elementos, cada vez con maior dimensión e tamén con maior impacto ambiental.

—Cales son as diferenzas entre a fiscalidade eólica existente na Galiza e no resto do Estado?

A Galiza foi a primeira comunidade en ter un canon eólico dentro dos seus tributos propios, iniciativa que aplicaron outras dúas comunidades como Castela-A Mancha e Castela e León. Os tres tributos tratan de gravar o dano ambiental causado pola instalación dos parques, coinciden así na súa finalidade, pero non no seu contido. A principal diferenza é que o feito impoñíbel da normativa galega fai referencia aos impactos visuais dos muíños sobre o medio natural e o territorio, mais non os identifica directamente coa paisaxe, como si fan as outras dúas normativas. A outra diferenza importante atópase en relación coa tributación castelán-leonesa, que atende directamente á potencia dos aeroxeradores.

Unha nova fiscalidade eólica

María Cadaval considera  "necesario concibir un modelo de tributo eólico que teña en conta todos os parques, independentemente do número de turbinas instaladas, mais tamén a súa potencia unitaria, ao tempo o Fondo de Compensación debe servir de xeito claro e transparente ao seu fin".

Cadaval afirma que "mais importante que o anterior é aínda que a eólica contribúa á mellora do país,  que xere emprego, que fixe poboación e que reduza ao máximo o impacto que ten sobre a paisaxe e a biodiversidade. É primordial avanzar nun plan integral que ordene o territorio e non ocupe espazos de alto interese ambiental e económico". A economista e profesora da Universidade de Santiago de Compostela non considera suficiente o canón eólico e defende "exixir ás empresas que queiran instalarse ou repotenciarse o compromiso co país, coa industria eólica, co investimento dos Fondos Next Generation aquí e coa xente".