A marea vermella agudiza a crise do sector bateeiro e marisqueiro na Galiza
A marea vermella ten practicamente paralizada a actividade bateeira e marisqueira na Galiza. Desde que a mediados do mes de agosto se decretou a prohibición de extraer bivalvos en Cangas (O Morrazo), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño da Galiza (Intecmar), organismo dependente da Consellaría do Mar, procedeu de forma progresiva á clausura da actividade na case totalidade dos polígonos de mexillón e nunha parte significativa das áreas marisqueiras.
O Intecmar só permite extraer mexillón dun polígono aberto na ría de Ares-Betanzos, concretamente na localidade de Sada (comarca da Coruña), e doutro operativo en Camariñas (Terra de Soneira), este último reaberto durante a xornada desta terza feira. Neste sentido, permanecen fechados 50 dos 52 polígonos de mexillón existentes na Galiza e 3.414 das 3.437 bateas rexistradas na Consellaría do Mar, emprazándose 2.319 delas na ría de Arousa.
A Administración galega ten decretado, tamén, o feche de diversas áreas da costa para a actividade marisqueira. A mesma está prohibida na súa totalidade na ría de Pontevedra e en parte da ría de Vigo e da ría de Arousa, ao igual que nunha área entre Corcubión (comarca de Fisterra) e Fisterra. Nestas zonas está prohibida a extracción de ameixa e de berberecho, uns produtos que tradicionalmente alcanzaban nesta época do ano, ás portas do Nadal, os prezos máis elevados.
O feche xeneralizado das bateas do mexillón e de diversas zonas marisqueiras débese á propagación da toxina lipofílica diarreica polas rías galegas. As biotoxinas mariñas son substancias químicas naturais provocadas por varias especies de algas microscópicas, que no seu conxunto defínense como fitoplancto. En concreto, trátase de algas dinoflaxeladas, células vexetais capaces de moverse na auga grazas a un flaxelo. Normalmente, as súas concentracións son demasiado baixas para causar dano, pero baixo condicións ambientais favorábeis fórmanse en grandes cantidades e son tóxicas.
O biólogo e presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, explica a Nós Diario que "o incremento do fitoplancto está asociado, entre outros factores, a unha concentración moi elevada de nitratos e de fosfatos derivados dunha mala depuración naquelas zonas de costa onde hai unha importante concentración de persoas". Neste sentido, lembra que "a nivel científico é un indicador claro de que a depuración non é boa, demostrando que o sistema de depuración existente nas áreas das nosas rías non elimina ben os nitratos e os fosfatos".
"Estamos no peor momento para o feche da actividade nas nosas rías", apunta Rubido, quen destaca que "nesta época do ano próxima ao Nadal adoitaban rexistrarse os mellores prezos para os mariscos". Porén, desvela que "os prezos do marisco este ano están moi baixos, e iso débese a que está entrando marisco de fóra na Galiza e as depuradoras e conserveiras apostan por este produto máis barato". Ao tempo, recalca que "chove sobre mollado, xa que o sector está a padecer unha situación moi dura nos últimos anos".
A prohibición da extracción do mexillón decretada pola Xunta da Galiza dáse nun momento de crise no sector. Segundo sinala o profesor da área de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en economía pesqueira Gonzalo Rodríguez no seu artigo sobre a pesca publicado no informe anual sobre a economía galega elaborado polo Instituto de Estudos para o Desenvolvemento da Galiza (Idega) da USC, a produción de mexillón alcanzou as 178.813 toneladas en 2024, o que representa o seu segundo peor rexistro dos últimos 30 anos, só por diante de 2023.
Os datos non son mellores no caso dos bivalvos. A este respecto, Gonzalo Rodríguez, desvela que a produción de bivalvos caeu en 2024 un 26,8% en relación a 2023, que xa foi un ano moi malo para o sector marisqueiro. Así, por exemplo, na ría de Arousa, a máis produtiva da Galiza, a produción marisqueira baixou en 2024 un 71,2% en relación co quinquenio 2019-2023, reducíndose as capturas de ameixa babosa un 86% e a de ameixa fina un 86,5%. Ao tempo, a produción de berberecho descendeu na Arousa un 93,7% en relación co quinquenio anterior.

