Marcha dos operarios de Alcoa en defensa dos empregos e a continuidade da actividade

Os traballadores da factoría da Coruña protagonizaron unha marcha, mentres que o cadro de persoal de Alcoa en San Cibrao cortou o tráfico rodado en demanda de solucións
Manifestación por Alcoa
photo_camera Manifestación por Alcoa

O cadro de persoal de Alcoa Inespal na Courña realizou unha manifestación que os levou dende a factoría no Polígono de Agrela até as portas da Delegación do Goberno, nun percorrido de máis de dúas horas polas principais vías de comunicación da cidade herculina. A marcha contou tamén coa participación dos traballadores/as de Ferroatlántica e ducias de cidadáns e cidadás que se ían incorporando nas diferentes etapas do traxecto da manifestación.

Pola súa banda, @s traballadores da planta de San Cibrao realizaron un novo corte de tráfico na estrada do Castelo, principal vía de comunicación da zona da costa, que se prolongou durante case unha hora. Desta volta, á protesta tamén se sumaron un grupo de rapaces e rapazas do colexio de Infantil e Primaria de San Cibrao, que acompañad@s polos seus pais e nais, tamén portaron cartaces reivindicativos a favor da continuidade da actividade da fábrica de Alcoa.

O delegado da CIG en Alcoa Inespal, Julio Moskowich, ao remate da mobilización valoraba moi positivamente a resposta que o conxunto do persoal está dando ás ameazas da multinacional de pechar as tres plantas de produción de primario que ten no estado español, pero que o tempo pasa e as respostas da administración non chegan. “Até agora só escoitamos promesas do ministro Soria sobre a tarifa eléctrica, pero a empresa nos di que non teñen ningún compromiso en firme asinado e o tempo pasa. A empresa de dúas semanas de prazo e xa advertiu que se o goberno non lle da unha resposta neste tempo pechará as tres plantas que ten no estado”, advertía.

Comentarios