Máis de 432.000 persoas atópanse ás portas do inverno en situación de pobreza enerxética
Antonte as primeiras neves visitaron as montañas dos Ancares, enmarcando unha baixada xeneralizada de temperaturas que indica que o frío xa está a petar na porta a un mes da entrada no inverno. Un frío que é un motivo de especial preocupación para os máis de 432.000 galegos e galegas que viven en fogares que non poden permitirse ter a unha temperatura axeitada, segundo o informe O estado da pobreza, elaborado pola Rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social (EAPN). Esta situación de pobreza enerxética afecta 16,6% da poboación galega, unha porcentaxe similar á que se rexistra a nivel estatal (17%), mais por riba da media da Unión Europea. No espazo comunitario só unha de cada dez persoas —10,6%, os últimos datos corresponden a 2023— non pode ter o seu fogar á temperatura axeitada.
A evolución da pobreza enerxética na Galiza encadeaba anos de máximos históricos mais en 2024 descendeu cinco puntos a respecto do exercicio anterior. Con todo, e a pesar da mellora, esta problemática afecta agora 77.000 persoas máis que no ano posterior á pandemia, 2021, e 58.000 máis que hai unha década, en 2015. De compararmos co ano cunha taxa de pobreza enerxética máis baixa (2018, con 4,8%), o aumento foi notábel: hai agora 300.000 persoas máis que daquela que non poden ter a súa vivenda a unha temperatura axeitada.
Os primeiros datos dispoñíbeis da Rede europea sobre pobreza enerxética corresponden ao exercicio 2008, hai 17 anos, nos primeiros compases da grave crise económica e financeira que sacudiría todo o planeta. Nese ano, 6% da poboación no Estado español estaba en pobreza enerxética e 8,9% dos galegos e das galegas. A porcentaxe na Unión Europea daquel ano era de case 10%. Na Galiza a pobreza enerxética aumentou desde aquel ano até 2023 en 180%. A pobreza enerxética constitúe unha das manifestacións máis significativas da intersección entre pobreza e condicións da vivenda. Refírese á situación que padecen as persoas dun fogar que non pode acceder aos servizos enerxéticos esenciais. Con todo, a pobreza enerxética, non é un tipo de pobreza específica, tal e como inciden as organizacións e colectivos que atenden esta problemática, se non que é unha derivada máis da pobreza. É, polo tanto, unha consecuencia máis da falta de ingresos.
Os datos da Enquisa de Condicións de Vida do Instituto Nacional de Estatística permiten examinar dúas dimensións clave da pobreza enerxética. Unha, a dificultade para manter a vivenda a unha temperatura adecuada durante o inverno, situación na que está 16,6% da poboación galega. Outra, os atrasos no pagamento de facturas de subministración como a luz e o gas, o que afecta case 5% dos galegos e das galegas, ao redor de 146.000 persoas.
Estes datos veñen a incidir nunha problemática que diversos organismos e entidades levan tempo estudando e denunciando. Un estudo do Eixo Atlántico publicado en 2024 revelaba que na Galiza e no norte de Portugal ao redor de 20% das persoas non poden permitirse pór a calefacción nos seus fogares. O Mapa de Cohesión do Sistema Urbano, que estuda as desigualdades existentes nos territorios da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, sinalaba que esta porcentaxe ascende nos considerados fogares vulnerábeis até perto de 43%.
A pobreza enerxética tamén pon o foco na vivenda como "un factor de empobrecemento", como sinala a EAPN.
Así, menos de 3% das persoas que habitan nunha vivenda da súa propiedade están en situación de carencia material severa, unha porcentaxe que se eleva até 14,6% entre as persoas que viven nun piso de aluguer a prezo de mercado. Hai unha década, en 2015, as persoas en situación de carencia material severa con vivenda de seu eran practicamente as mesmas que agora (3,1%). Mais as que estaban nesa situación en pisos de aluguer eran 8%, polo que as carencias sociais graves entre este colectivo aumentaron en seis puntos e medio desde aquela até o de agora.
Suba de prezos
Na Galiza hai ao redor de 800.000 fogares que empregan a bombona de butano. A bombona de butano regulada (12,5 kg) empezou o ano a 16,6 euros, un aumento a respecto do exercicio 2024, cando daquela se pagaba a 15,8 euros. En 2021 chegou a estar a 13,3 euros.
Pola súa parte, a factura da calefacción experimentou un aumento recente no custo do gas e un impacto fiscal significativo. Os prezos do gas na tarifa regulada subiron, especialmente a parte fixa, mentres que o IVE do gas pasou de 5% a 21% desde o 1 de abril de 2024.
Desde a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) apuntan que coa entrada en vigor da nova tarifa regulada do gas (TUR) o pasado 1 de outubro, rexistrouse "unha forte suba". Para un fogar cun consumo anual de 9.000 kWh, este incremento de prezos supón pasar de pagar 553 euros ao ano a pagar 619 euros, 12% máis que no anterior trimestre.
Aumentan os residentes de vivendas con "deficiencias"
Máis de % da poboación na Galiza vivía en 2023 en fogares cuxa vivenda presentaba deficiencias —como pingueiras, humidades en paredes, chans, teitos ou cimentos, ou podremia en chans, marcos de xanelas ou portas—. Así o recolle o Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúa Galiza como a terceira comunidade do Estado con maior porcentaxe de poboación nesta situación, só superada por Ceuta (39,1%) e as Illas Canarias (34,4%). A media no Estado español de poboación que habita en fogares nesta situación é de 22,9%, o que supón 10,4 puntos menos que na Galiza. No conxunto da Unión Europea é 15,5% dos seus habitantes a que vive en inmóbeis nesta situación. Segundo o INE, en 2003 a poboación galega que residía en fogares cuxa vivenda presentaba deficiencias era 24,5% do total, mentres que na Unión Europea a media situábase daquela en 20,6%. Galiza conta cun dos parques máis vellos de inmóbeis para habitar, segundo o INE, onde case catro de cada dez vivendas suman máis de 50 anos de existencia. Case 95.000 vivendas son de antes de 1900, máis dun século. Case catro de cada dez (37%, ao redor de 560.000) foron construídas entre os anos 1950 e 1980.