Máis de 270 viticultores e novas adegas que se unen á feira de Sober: así creceu o viño de Amandi
O viño de Amandi celebra esta fin de semana a súa feira en Sober e faino, como cada ano, co ánimo de dar a coñecer o produto desta tempada e o traballo que veñen desenvolvendo as 44 adegas participantes. Esta subzona da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra mantén activas 193,05 hectáreas das 1.253,17 coas que se traballan en total en todo o Consello Regulador, segundo datos de 2025 deste mesmo organismo.
Tamén ten un número importante de viticultoras e viticultores (271 en 2025) e unha vitalidade que recoñece o propio presidente da DO, Antonio Lombardía. "Nesta época en que hai falta de relevo xeracional e tamén se nota a falta de rendibilidade económica, houbo nalgunhas subzonas bastante abandono, algo que non sofre Amandi", explica a Nós Diario. "Isto fala moi ben do territorio e do apego que lle teñen os viticultores e adegueiros ás uvas desta subzona da Ribeira Sacra", engade Lombardía.
Unha feira de éxito
“O éxito da feira está no produto que temos”. Con esta frase resume o alcalde de Sober (Terra de Lemos), Luis Fernández, a Nós Diario a traxectoria deste evento que fai esta edición 46 anos. “O viño de Amandi sempre foi recoñecido e apreciado, conta con certa historia e tamén con certa lenda”, apunta. Neste sentido lembra que figura nas historias como o que levaban os Césares a Roma. “Aínda que non deixa de ser unha lenda, non hai que esquecer que o seu propio nome é romano”, agrega. Iso si, o rexedor soberés ten claro que a sona dos caldos de Amandi pasaron pola época medieval “até chegar aos nosos días”.
“Contamos con adegas que son referentes dentro da DO Ribeira Sacra e esta subzona é a que conta con máis adegas e viticultores”, asegura o alcalde. Por este motivo, pon este sector como “o motor máis dinámico que vai manter o futuro deste concello”. A estabilidade tamén importa nun sector económico e, no caso do Amandi, semella que está asegurada. “Sempre hai algunha adega que se dá de baixa máis tamén temos outras que nacen”, confirma Luis Fernández. Por iso é quen de afirmar que "en Sober hai relevo xeracional nas adegas” e pon como exemplo a adega Alouviño e a Aborixe Viticultura, as novas que se incorporan nesta edición.
En relación á última colleita, o alcalde recoñece que foi algo inferior a outros anos como consecuencia da meteoroloxía adversa que houbo en 2025. "Tivemos 40% menos de produción de uva que o ano anterior, con todo, sempre se di que cando a cantidade baixa, a calidade é mellor", argumenta Fernández. Os viños da nova colleita serán, daquela, os protagonistas da feira. "É a súa presentación en sociedade", indica o alcalde. Con todo, tamén haberá outras novidades "e viños que as adegas están pasando por barrica ou elaboracións especiais con añadas anteriores".
Xornadas técnicas
Previa á feira, mañá e pasadomañá decorrerán no Centro Sociocultural de Sober dúas palestras de técnica e cata coordinadas polo enxeñeiro e divulgador Alfonso Losada. A primeira tratará o tema das 'Variedades resistentes a enfermidades: un futuro prometedor para o viñedo' e a segunda sobre o 'o/Low, high level: viños sen alcol que xa non son un plan B'. "Son temas importantes que se están traballando agora mesmo e que están de actualidade", asegura Losada a Nós Diario.
Entre eles está a investigación "en superuvas a través de hibridación entre variedades que xa están en marcha en países como Francia, Alemaña e Austria", admite. Ademais, tratará a cada vez máis presente elaboración "de algo ao que non se lle pode chamar viño, os sen alcol", un asunto que recoñece que é tabú" mais que "tamén está aí, como xa é evidente no caso das cervexas". Aínda que lembra que "non é viño e non é a solución a todo mais pode ser un recurso para algunhas adegas". Neste caso, pon como exemplo as adegas que xa o teñen en carteira noutras denominacións de orixe que hai no país.
A adega inaugural
Cada ano a feira escolle unha adega para abrir o evento. Este ano a escollida foi Petrón, situada en Doade, como homenaxe ao 10º cabodano do seu fundador, o empresario Epifanio Campos. “É todo un orgullo para nós, somos moitas adegas e todas queremos que a Ribeira Sacra estea no lugar máis alto posíbel”, sinala a Nós Diario a súa responsábel, Tania González.
Fundada en 2005 como “unha aventura”, esta adega foi facéndose un oco entre as que levaban máis tempo neste municipio da Terra de Lemos. “Naceu como unha ilusión por facer viño, máis como unha paixón que como un traballo en realidade até o punto que non se vendía, para uso particular ou de agasallo”, relata. O cambio chegou en 2015 coa chegada do enólogo Pablo Estévez e a aposta pola marca Prominé que actualmente comercializan.
Petrón e o chef Rafa Centeno, protagonistas desta edición
A Feira do Viño de Sober 2026 chega á súa 46 edición do 27 ao 29 de marzo. Con anterioridade o municipio conta con múltiples actividades dentro do denominado Mes do Amandi, un período no que decorren catas de viños, exposicións, charlas, concursos gastronómicos e eventos deportivos así como visitas a viñedos e adegas. Porén, serán os días 27, 28 e 29 de marzo os que centren a propia feira.
Co epicentro no recinto feiral situado na praza do Concello, o evento inaugurarase pola tarde e correrá a cargo da adega Petrón de Doade, como lembranza do seu fundador, Epifanio Campo. Seguirán as actuacións de Festicultores Troupe e Monoulious Dop.
Pregón e premios
Ao día seguinte abrirán os postos das adegas participantes e seguirá a animación durante todo o día. Pola tarde realizarase a precata oficial e a xornada rematará coas actuacións da Orquestra Bravú Shangai e Gin Toni’s.
O domingo continuará a animación no recinto e realizarase a cata oficial. Cara ao mediodía será o momento da lectura do pregón deste ano a cargo do chef con Estrela Michelín, Rafa Centeno, do restaurante Vértigo de Sober, e entregaranse os premios desta edición.


