A maioría sindical de Pescanova acusa CCOO de “deslealdade”

CIG, CUT, UGT e USO denuncian que a proposta de convenio achegada por esa central coincide coa da empresa.

CCOO expulsada da unidade sindical en Pescanova. Así o consideran as centrais sindicais de Nueva Pescanova , que denuncian a “actitude desleal” de Comisións Obreiras para con elas e os traballadores. CIG, CUT, UGT e USO denuncian que a proposta de convenio colectivo feita pública sindicato español coincide coa achegada pola dirección da empresa de alimentación na última xuntanza coa parte social.

Representantes destas catro centrais sindicais afirman  que durante os nove meses de negociación esta central nunca quixo participar da unidade sindical, “situación que cambiou tras a masiva asemblea celebrada en Redondela por medo a quedar aillados”. A partir desa xuntanza, indican, CCOO solicita entrar na unidade, mais ao día seguinte de que o resto de centrais aceptase a súa presenza “aparece publicado na prensa unha proposta de convenio que non consultan con ninguén -demostrando unha actitude desleal- e que coincide coa presentada posteriormente pola empresa na última xuntanza que mantivemos coa dirección, celebrada o pasado día 6”.

Esta proposta incluiría dous dos aspectos, afirman estes sindicatos, que non están dispostos a asumir: a creación dunha nova categoría de entrada na empresa cun salario inferior e o aumento da flexibilidade laboral. “Sabemos que todo isto é unha estratexia de Pescanova e de CCOO para romper a unidade sindical e lograr deste modo impoñer un convenio á baixa para precarizar as condicións laborais, rebaixar salarios e aumentar a xornada”, denuncian.

Comentarios