A liquidez non termina de chegar ás autónomas galegas

Francisco Conde, conselleiro de Economía (Parlamento da Galiza).
Os empréstitos avalados polo Instituto de Crédito Oficial seguen sen chegar ás autónomas galegas mentres que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, recoñece que as axudas promovidas polo Igape son insuficientes para mellorar a súa delicada situación.

Galiza ten o triste privilexio de figurar entre os territorios que menos axuda prestaron ás traballadoras e traballadores autónomos neste período. Boa parte delas só se puideron beneficiar das axudas do Estado español, como o subsidio por cese de actividade, xa que a Xunta carecía de axudas directas. 

O propio conselleiro de Economía, Francisco Conde, recoñecía, dous meses despois do inicio do estado de alarma, que os mecanismos postos en marcha a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) eran "insuficientes". 

"Somos conscientes de que as axudas son insuficientes, por iso estamos a traballar nun paquete adicional no eido do comercio e do turismo, que traeremos a esta cámara, para que poidan afrontar a situación", sinalara Conde na súa recente comparecencia no Parlamento.

As autónomas representan 58% do tecido empresarial galego, de aí que a necesidade de axudas sexa, se cadra, máis importante que para outros sectores e non se pode limitar á doazón de material de protección.  

Préstamos do ICO

Na súa comparecencia, Conde tamén aproveitou para sinalar que o Igape xa ten resoltos o 100% dos expedientes das entidades financeiras da liña de créditos. "Anticipámonos, neste momento temos 24,5 millóns de euros de axudas que se poden acudir a elas até setembro", subliñou.

Esta será unha alternativa para moitas das autónomas que, pese a pedir un dos préstamos avalados polo Instituto de Crédito Oficial (ICO), non resultaron beneficiarias dos mesmos. E é que, como recoñecen desde a Asociación de Traballadoras Autónomas (ATA), en todo o Estado español denegáronse unhas 300.000 solicitudes. Na súa gran maioría, apuntan, foron rexeitadas polos departamentos de risco dos bancos, que son os que aproban o crédito antes de pasarlle a petición a ICO. O Estado avala 80% do crédito, pero 20% restante póñeno as entidades financeiras, que miran moito polas súas ratios de mora.

63% en activo

A boa noticia para estas traballadoras é que a progresiva apertura dos estabelecementos coa entrada dos diferentes territorios na fase 1 do desconfinamento favoreceu a volta á normalidade de boa parte das autónomas. Segundo os datos dun informe da Asociación de Traballadoras Autónomos (ATA), 22% mantiveron os seus negocios abertos desde que se decretou o estado de alarma.

Co novo escenario, na Galiza esta porcentaxe chega xa 63,1%, un dato que invita ao optimismo, xa que só Murcia (68,9%) e Nafarroa (66,9%) superan esta porcentaxe.

Como explica o seu presidente, Lorenzo Amor, os territorios nos que hostalaría, comercio ou turismo teñen maior peso correspóndense cos que menos incorporacións rexistran. No outro extremo, nos que predomina a industria, a agricultura e a gandaría teñen máis autónomas activas.