Lagarde advirte sobre o "ollo por ollo" entre os EUA e a UE: o BCE sitúa en medio punto do PIB o impacto da guerra comercial
A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde, alertou esta quinta feira das consecuencias do "ollo por ollo" na guerra comercial entre a Casa Branca e Bruxelas e estimou que os aranceis de 25% impostos polo Goberno dos Estados Unidos ás importacións de produtos da Unión Europea (UE) reducirán o crecemento da zona euro en aproximadamente 0,3 puntos porcentuais no primeiro ano.
"Unha resposta europea en forma de aumento dos aranceis sobre as importacións dos Estados Unidos aumentaría aínda máis esta cifra até aproximadamente medio punto porcentual", advertiu Lagarde durante a súa intervención na comisión de Asuntos Económicos e Monetarios do Parlamento Europeo.
A presidenta do BCE apuntou que o maior impacto no crecemento económico "concentraríase ao redor do primeiro ano tras o aumento dos aranceis" e que, posteriormente, "diminuiría co tempo, aínda que deixaría un efecto negativo persistente sobre o nivel de produción".
Neste contexto, a Comisión Europea anunciou esta quinta feira que esperará até mediados de abril para activar as medidas de represalia contra os aranceis dos EUA, por un valor que podería alcanzar os 26.000 millóns de euros e deseñadas para responder ás taxas de 25% ao aceiro e aluminio da UE que os Estados Unidos impoñen desde o pasado 12 de marzo, a pesar de que inicialmente anunciou unha primeira fase desde o 1 de abril.
Trátase dun axuste técnico para "aliñar o calendario" das dúas fases de contramedidas que Bruxelas prevía introducir, informou o portavoz comunitario de Comercio, Olof Gill, quen apunta a que os aranceis da UE "terán efecto a mediados de abril" e que este aprazamento "non diminuirá" o seu impacto.
Trump presiona á Fed
Mentres tanto, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, insistiu esta quinta feira na necesidade de que a Reserva Federal (Fed), o banco central estadounidense, recorte os tipos de xuro á vez que se implementan os aranceis anunciados sobre as importacións.
Pola súa parte, o presidente da Fed, Jerome Powell, advertiu esta cuarta feira de que as expectativas de inflación a curto prazo repuntaron nos EUA "en gran medida" polos aranceis defendidos por Trump.
Todo isto despois de que a Reserva Federal dos EUA, que advertiu do aumento da incerteza económica, decidira esta cuarta feira manter os tipos de xuro no rango obxectivo de 4,25% a 4,50%. Un paso que seguiu esta quinta feira o Banco de Inglaterra, que conxelou o tipo de xuro de referencia para as súas operacións en 4,50%.