Inditex cae case 3% en Bolsa tras rebaixar o seu prezo obxectivo varias entidades analistas

Marta Ortega asumiu a presidencia do grupo Inditex o primeiro de abril de 2022. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Segundo os datos do mercado, o conglomerado téxtil que engloba marcas como Zara, Massimo Dutti, Stradivarius ou Bershka, entre outras, acumula unha depreciación no que vai de 2025 de 7,31%.

Inditex caeu esta cuarta feira 2,87% en Bolsa, até situar o prezo unitario das súas accións nos 46,01 euros, tras recibir varias revisións á baixa do seu valor obxectivo por parte de analistas do mercado.

Segundo os datos do mercado, o conglomerado téxtil que engloba marcas como Zara, Massimo Dutti, Stradivarius ou Bershka, entre outras, acumula unha depreciación no que vai de 2025 de 7,31%, dato que contrasta co cómputo de 2024, cando a entidade se revalorizou 25,9% e alcanzou un máximo histórico de case 56 euros por acción a principios de decembro.

O conglomerado téxtil, a maior cotizada da Bolsa estatal, fechou esta xornada cunha capitalización bolsista de 143.400 millóns de euros, polo que cedeu 4.238 millóns respecto ao fechamento da xornada anterior.

Sobre a evolución bolsista da compañía no presente exercicio, cómpre destacar que Inditex cotizou ao redor dos 50 euros até o 12 de marzo, data na que os seus resultados decepcionaron ao mercado e propiciaron a súa entrada nun ronsel baixista na que aínda permanece.

En concreto, Inditex viuse penalizada por entidades como Alantra que, baixo a recomendación de 'vender', reduciron o potencial das súas accións dos 49,45 aos 48,55 euros, en tanto que a finais de 2024 lle outorgaba ao título un prezo obxectivo de 52,2 euros.

Pola súa parte, CaixaBank reiterou a súa recomendación 'neutral' e incidiu en manter un prezo obxectivo de 47 euros para coa compañía fundada por Amancio Ortega, mentres que o Santander foi máis aló ao rebaixar o prezo dos 55,2 aos 53,8 euros, aínda que neste caso transmitiron unha recomendación positiva sobre a mesma.

Á vez, Morgan Stanley revisou esta terza feira a súa posición sobre Inditex ao rebaixar o prezo obxectivo dos seus títulos de 52 a 50 euros, mantendo en ambos os casos unha visión neutral.

Por contra, BNP Paribas incidiu en que é optimista con respecto a Inditex e mantivo o criterio fixado a mediados de abril, cando elevou o prezo obxectivo do conglomerado de 49 a 56 euros e virou de 'neutral' a 'comprar'.

Pola súa parte, Goldman Sachs sinalou a principios deste maio que matiña a súa recomendación de 'comprar', aínda que reducindo o potencial alcista dos 53 aos 52 euros.