Amancio Ortega recibe este ano 3.104 millóns de euros en concepto de dividendos de Inditex

Ortega ingresa esta sexta feira 1.552 millóns por dividendos de Inditex, a metade do total que vai cobrar este ano, e máis que todo o orzamento da Xunta para política social e igualdade

O empresario Amancio Ortega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).
O empresario Amancio Ortega, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará esta sexta feira, 2 de maio, un total de 1.552 millóns de euros pola primeira retribución do ano que abonará Inditex aos seus accionistas, o que supón a metade do que cobrará en dividendos da firma este ano. Os orzamentos da Xunta da Galiza para Política Social e Igualdade en 2025 non chegan a 1.400 millóns. 

En concreto, o empresario recibirá este ano 3.104 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, por riba dos 2.845 millóns que percibiu por este concepto o exercicio pasado, cando disparou a retribución 28%.

En total, a compañía retribuirá este ano aos seus accionistas con máis de 5.235 millóns de euros, tras elevar 9% o dividendo, ata 1,68 euros por acción.

En concreto, a política de dividendos de Inditex componse dun 'payout' ordinario de 60% do beneficio e a distribución adicional de dividendos extraordinarios.

Tras anunciar un beneficio récord de 5.866 millóns de euros en 2024, 9% máis, o Consello de Administración propoñerá á Xunta Xeral de accionistas un incremento do dividendo do 9% para o exercicio 2025, até 1,68 euros por acción, integrado por un dividendo ordinario de 1,13 euros e un dividendo extraordinario de 0,55 euros por acción.

O fundador de Inditex, que controla 59,294% da compañía, equivalente a un paquete de 1.848 millóns de accións, inviste parte dos dividendos que recibe de Inditex no sector inmobiliario.

Pola súa parte, a súa filla Sandra Ortega, que posúe 5,053% da firma (157,48 millóns de accións), cobrará este ano máis de 264 millóns en dividendos de Inditex (a metade este venres, 2 de maio), fronte aos 242 millóns de euros que percibiu o ano anterior.

Comentarios