Amancio Ortega sitúase como o maior accionista privado de Rede Eléctrica após reducir BlackRock a súa participación
A xestora de fondos de investimento BlackRock reduciu a súa participación en Rede Eléctrica (Redeia) de 5,020% a 4,992% após o apagamento masivo do pasado 28 de abril, un dobre episodio que coloca o empresario e fundador de Inditex Amancio Ortega como o segundo maior accionista da compañía. Redeia está participada nun 20% polo Estado a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). Agora o seguinte maior accionista é Amancio Ortega, quen, a través de Pontegadea Investimentos, posúe 5% da mesma.
Os títulos de Redeia caían ás 12.15 horas desta sexta feira, 2 de maio, un 3,38% en Bolsa, até os 17,875 euros por título, despois de que a compañía publicase este 30 de abril, co mercado xa fechado, as súas contas correspondentes ao primeiro trimestre de 2025, cando obtivo un beneficio neto de 137,8 millóns, o que representa un incremento de 4,2% con respecto ao mesmo período do exercicio anterior.
Cuestionada tras a caída do sistema eléctrico
A matriz de Rede Eléctrica sufriu a pasada segunda feira un "incidente grave" que afectou ao normal funcionamento do sistema eléctrico da península Ibérica, causando un apagamento masivo que se estendeu durante case 24 horas nlgúns puntos da Galiza. A este respecto, a compañía sinala que, desde o primeiro momento, o grupo, xunto con outras empresas do sector, "focalizaron todos os esforzos de maneira coordinada para repoñer a subministración eléctrica en todo o territorio peninsular canto antes".
Agora, após se restabelecer a subministración, a compañía indica que se atopa "inmersa no proceso de identificación das posíbeis causas que produciron este incidente, recompilando e analizando todos os datos, tanto internos como externos doutros axentes, para poder concretar as conclusións dos feitos ocorridos o pasado 28 de abril".
Caixa negra
Segundo trasladou este primeirio de maio, Rede Eléctrica "completou" a entrega de todos os datos solicitados á Comisión creada polo Goberno español para a súa análise. Desta forma, asegurou nun comunicado, "a compañía responde aos requirimentos das autoridades competentes coas que leva colaborando desde o inicio do incidente".
Segundo Rede Eléctrica, "esta 'caixa negra', onde se rexistra e almacena toda a información concernente á operación do sistema e garante a súa rastrexabilidade, supón un continxente de millóns datos provenientes tanto da actividade da operación do sistema dese día como do resto de sistemas informáticos da compañía".
Nese mesmo comunicado destácase tamén que membros do equipo directivo da compañía encabezados pola presidenta de Redeia, Beatriz Corredor, e o conselleiro delegado do grupo, Roberto García Merino, reuníronse este quinta feira co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, o secretario de Estado de Telecomunicacións, Antonio Hernando, e o director xeral de Política Enerxética e Minas, Manuel García. "Xuntos, seguiron avanzando na análise do incidente e a situación actual", conclúe o citado docuemento.

