O IGE prevé unha ralentización da economía galega no próximo lustro
O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou esta terza feira as súas predicións a respecto do escenario macroeconómico na Galiza até o ano 2029. Segundo as estimacións deste organismo, ao chegar a ese ano a taxa de paro baixará até 7% e a economía do país crecerá de forma sostida, ao longo do vindeiro lustro, a un ritmo de 1% de crecemento do produto interior bruto (PIB).
O IGE tamén estima que Galiza fechará o presente exercicio cun crecemento do PIB de 2,5%. Para o ano 2026 as previsións do instituto estatístico galego moderan o crecemento económico e sitúan o PIB do vindeiro exercicio cunha repunta de 1,9%. As previsións do IGE para os anos seguintes baixan o crecemento a un ritmo de 1,2%, tanto en 2027 como en 2028 e en 2029.
Desemprego
No que atinxe á evolución do paro, o país fechará este ano cunha taxa de desemprego de 8,3%. Para os vindeiros cinco anos estima o IGE que a evolución do desemprego na Galiza será descendente, cun “decrecemento progresivo” que colocará a taxa de paro en 2026 en 7,8%, e será de 7,4% en 2027, de 7,2% en 2028 e, finalmente, quedaría en 7% no exercicio de 2029.
Taxa de actividade
Nos vindeiros cinco anos prevé tamén un descenso da taxa de actividade, que rematará 2025 en 53,3% e descenderá en 5 anos até quedar en 53% en 2029. No caso da taxa de actividade relativa ás persoas de entre 16 e 65 anos, a previsión é que pase do 74,5% co que fechará este ano até 75,1% no ano 2029.
Consumo
Polo que respecta ao gasto en consumo real na Galiza previsto para os vindeiros cinco anos, o IGE fala dunha “moderación” do consumo en cada exercicio até 2029. Este consumo real fechará o presente exercicio en 1,1% e irá baixando até quedar no ano 2029 en 0,5%.