A hostalaría compostelá ve "insuficientes" as axudas e leva a súa protesta a Sanidade

Protesta da hostalaría diante da Consellaría de Sanidade (Riobó Prada)
Continúan as mobilizacións "de baixa intensidade" deste sector na capital galega. Desta vez na sede do Sergas por ser "o día en que o Goberno galego toma as decisións en base ao comite clinico"

O sector da hostalaría continúa coas mobilizacións en protesta pola súa situación e para demandar accións contundentes por parte das Administracións galega e española. Hoxe concentráronse diante da sede da Consellaría de Sanidade en Compostela cun cento de participantes e o "agasallo" de caixas de bebidas na entrada das instalacións.

Desde a asociación Hostalaría Compostela, Lois López afirma que seguirán con este tipo de actos "de baixa intensidade" en número de asistentes coa idea de continuar coa visibilización da súa problemática e a exixencia dunha "solución para o sector en base ao plan de rescate que puxemos enriba da mesa". A razón de escoller a sede de Sanidade foi, segundo explica a Nós Diario, "por ser o día no que o Goberno toma decisións en base ao comité clínico".

En relación á xuntanza da pasada terza feira coa Xunta, López parabenízase de que o Goberno galego "acepte unha comisión de carácter técnico para perfilar as axudas ao sector", mais considera que a cifra de 12 millóns de euros "é insuficiente" ao relacionalas coas que darán en Euskadi (45 millóns de euros) e Murcia (38 millóns de euros), "ambas con menos poboación e locais que Galiza".

No caso concreto de Compostela, cre que "ao estar no nivel laranxa e baixando o número de casos" sería o momento para poder abrir. "Xa que nos explicaron que o fechamento foi pola situación concreta da cidade, agora que baixaron, queremos retomar a normalidade”, insiste.

O ocio nocturno, no límite

Na concentración tamén participaron locais de ocio nocturno da capital. O seu voceiro, Martín Zarauza, relata que teñen unha "situación peor" por levar nesta situación desde marzo, "quitando ese mes de 15 de xullo a 15 de agosto". Asegura a Nós Diario que "como axudas o único que temos son palabras en roldas de prensa.

Sobre as reais só hai unha por parte do concello de Santiago que foi para reformas feitas, é unha subvención para obras e non é para que sobrevivamos".

Do anuncio que realizou o presidente da Xunta, comenta que "12 millóns de euros para 2.200 locais que temos na Galiza após 10 meses de fechamento non arranxan nada". Por este motivo demanda a posibilidade de traballar. "Somos negocios solventes na súa maioría sempre e cando poidamos abrir", sentenza.

O sector convocou unha concentración para mañá diante da Delegación do Goberno na Coruña ás 12 horas.