Greve na limpeza no CHUS contra a intención da empresa de rebaixar os soldos e traballar máis horas

A medida, unha rebaixa salarial do 30% e un incremento da xornada laboral do 20%, ficaría amparada pola Xunta e afecta os catro hospitais de Compostela, cun cadro de 350 persoas no cal o 90% son mulleres
photo_camera Protesta d@s traballador@s [SG]


Os vindeiros 27 e 28 de febreiro arrincan as mobilizacións d@s traballador@s da limpeza do Complexo hospitalario de Santiago. Serán dúas xornadas de greve, as primeiras, que virán seguidas doutras dúas a realizar na primeira quincena de marzo e que foron alentadas por unanimidade pol@s operari@s da empresa Clece, adxudicataria da concesión, perante a súa teima de implementar medidas para que traballen máis horas e perciban menos salarios.

Nomeadamente, a intención de Clece, "amparada polo Sergas", segundo denuncian as centrais sindicais, pasa por recortar os soldos nun 30% e aumentar a xornada laboral nun 20%.

Os comités de empresa, composto polos sindicatos CC OO, CIG, CUT e UGT, denuncian a intención de "dinamitar unha conquista histórica do sector: a equiparación en dereitos e responsabilidades do persoal de limpeza co persoal ao servizo da administración da súa mesma categoría".

A empresa procura unha negociación á baixa dos dereitos laborais facendo da limpeza hospitalaria compostelá "proba de laboratorio para unha redución millonaria no conxunto dos hospitais da Galiza". As medidas trazadas entre a Xunta e a patronal afectan un cadro de 350 persoas, o 90% mulleres, que traballan no servizo de limpeza dos catro hospitais do CHUS: o Hospital clínico, o Gil Casares, o Hospital provincial e o Hospital psiquiátrico de Conxo.

Comentarios