Granxas galegas presentan recursos para que se paguen ás axudas ás explotacións extensivas

Fruga denuncia que o desembarco do PP na Xunta conlevou un drástico recorte nestas subvencións, poñendo mesmo en risco a supervivencia de razas autóctonas galegas en vías de extinción e fanando un modelo no que Galiza ten un "enorme potencial"
Fruga

Titulares de granxas galegas e do sindicato Fruga (Federación Rural Galega) fixeron entrega en Lugo de recursos de reposición por parte dos afectados, exixindo que se pagen as subvencións destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras en réximes extensivos do ano 2012. 

Fruga afirma que "unha vez que a Xunta de Galiza volveu a mans do Partido Popular, vense reducindo considerablemente o importe que recibían as granxas, iso si, sen que por iso viran modificadas os compromisos que tiñan que cumprir. Sirva como exemplo a campaña do 2011, a cuarta dos cinco anos que duraría o programa, onde as axudas sufriron unha redución de media dun 45% sobre os importes marcados inicialmente".

E a iso engaden que, nunha nova volta de porta, e a após ter publicado a Xunta o pasado outubro a renovación destas axudas para a campaña 2012, mudou de opinión "e publicou unha nova orde na que deixaba sen efecto as solicitudes de renovación que se fixeron en outubro. O motivo que argumenta para dar marcha atrás é que o Ministerio de Agricultura non fixo o ingreso oportuno".

Prexuízos

Para a Federación, o goberno autonómico "parece ter unha política agraria de exterminio da gandería galega, facendo unha aposta suicida e contraria á opinión da maioría dos expertos na materia e da propia UE, que non é outra que á de ligar a produción gandeira á maior base territorial posible".

Nesta liña, alerta de que coa eliminación desta axuda "ponse en risco a supervivencia das razas autóctonas galegas en perigo de extinción de vacún". 

Fruga desenvolveu nos últimos meses unha campaña informativa no rural galego sobre as consecuencias destas medidas da Xunta.



Comentarios