O Goberno español recoñece que a declaración ambiental dos eólicos para Alcoa foi realizada fóra de prazo

Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Exucutivo estatal recoñece ter cometido un erro administrativo.

O Goberno do Estado español indicou que a declaración ambiental dun total de cinco parques eólicos de tramitación estatal vinculados á provisión de enerxía para Alcoa (chamados Borrasca, Xistra, Levante, Boura e Monzón) realizouse entre os días 22 e 27 de novembro de 2023, polo que admite que o fixo fóra do prazo límite marcado até o 13 de novembro dese ano con base no decreto polo que os promotores de parques eólicos debían contar coa declaración ambiental favorábel nun prazo de 31 meses desde a obtención do respectivo permiso de acceso á rede enerxética.

Así se recolle nunha resposta do Goberno español a unha pregunta por escrito do PP no Senado sobre as instalacións para fornecer de enerxía a fábrica de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña). 

Nesta resposta, o Executivo estatal engade que os proxectos que dispoñan de declaración de impacto ambiental favorábel e non teñan permisos de acceso e conexión á rede, como acontece nestes casos, contarán cunha "puntuación adicional" para que poidan ser desenvoltos. 

Estas declaracións emitidas pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental fóra de prazo suman un total de 400 megawatts (MW) de potencia a instalar: Levante (106 MW), Xistra (89,6 MW), Borrasca (84 MW), Boura (72,8 MW) e Monzón (50,4 megawatts).

Críticas do PP a pesar da "puntuación adicional"

A pesar da "puntuación adicional" coa que o Goberno estatal pretende facilitar o desenvolvemento destes parques eólicos, o PP censurou que o Executivo español "foi incapaz de concretar ningún avance" nesta resposta máis aló de "recoñecer que deixou caducar e non fixo nada nos últimos 11 meses para autorizar os parques eólicos vinculados ao futuro de Alcoa".