O Goberno español cifra en 10.000 as solicitudes do bono a rendas baixas nas primeiras horas en vigor

Unha oficina da Axencia Tributaria coa campaña do ano 2020, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Cézare de Luca / Europa Press)
A axuda está destinada a 2,7 millóns de persoas.

A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, detallou esta sexta feira que, polo de agora, a Axencia Tributaria (AEAT) recibiu 9.800 solicitudes do bono de 200 euros para baixo nivel de renda e patrimonio, após abrirse hoxe mesmo o prazo para presentalas.

Das case 10.000 peticións, máis de 25% corresponden á poboación residente en Andalucía, segundo explicou a ministra nunha visita á Zona Franca de Cádiz. 

En total, o Executivo estatal prevé que 2,7 millóns de persoas se acollan a esta axuda, que conta cun orzamento total de 540 millóns de euros, recollido no segundo plan contra a crise que o Goberno de Pedro Sánchez agarda convalidar a vindeira semana na sesión plenaria ordinaria do Congreso.

Nese paquete de medidas entran, entre outras, "a paralización do incremento dos prezos de aluguer" ou o "incremento anual de 15% do Ingreso Mínimo Vital (IMV) e das pensións non contributivas".

Requisitos para acceder ao bono

Para poder solicitar esta axuda, as persoas interesadas deberán cumprir unha serie de requisitos. En primeiro lugar, deberán estar dadas de alta na Seguridade Social ou seren desempregadas inscritas na oficina de emprego. Neste caso, será indiferente que cobren ou non a prestación polo paro.

En canto aos requisitos económicos, no 2021 deberán xustificar que percibiron uns ingresos inferiores a 14.000 euros e tiveron un patrimonio menor a 43.196,40 euros, sumando todos os ingresos das persoas que vivisen no domicilio da solicitante o 1 de xaneiro de 2022.

O último dos requisitos estabelecidos pola Axencia Tributaria é que as persoas interesadas deben contar con residencia legal e efectiva no Estado español na actualidade, e mantida de maneira ininterrumpida, cando menos, nos últimos doce meses.

As solicitudes do bono poderán ser respondidas pola Administración estatal até o vindeiro 31 de decembro, tres meses despois do fec hamento do prazo para presentalas. Pasada esa data, todas aquelas solicitudes non respondidas serán consideradas como desestimadas, unha resolución contra a que se poderá interpor un recurso de reposición e reclamación económico-administrativa.