O Goberno español aproba o fondo para electrointensivas con 600 millóns para enerxía 'verde'

A ministra Montero asegura que o estatuto estará listo "nas próximas semanas"

María Jesús Montero, ministra de Facenda (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera María Jesús Montero (Eduardo Parra / Europa Press).

O Consello de Ministras deu 'luz verde' á creación do fondo de reserva de garantía para entidades electrointensivas, co que se pretende apoiar a gran industria na compra de enerxía 'verde' a través de contratos de compra e venda de electricidade a longo prazo ('PPA', polas súas siglas en inglés).

En rolda de prensa logo do Consello de Ministros, a ministra portavoz do Goberno, María Jesús Montero, destacou que este era un fondo "moi demando" polo sector e que se considera "imprescindíbel", xa que é "un factor importante para facilitar o desenvolvemento destas operacións".

Este fondo garante a cobertura do Estado ás operacións de compravenda de enerxía eléctrica a medio e longo prazo que realicen consumidores electrointensivos e senta as bases para que a relación entre o consumidor electrointensivo e a compañía eléctrica "teña un marco onde se vincule a plantas de enerxías renovábeis que promoven este tipo de fontes de enerxía sustentábel", dixo Montero.

En concreto, o fondo para a industria electrointensiva estará dotado con 200 millóns de euros anuais, para cubrir como máximo 600 millóns de investimento en tres anos.

Montero subliñou que coa autorización deste fondo cúmprese "o compromiso político" de apoio ao sector industrial, que este Goberno puxo de manifesto coa aprobación en decembro de 2018 do Real Decreto-lei RDL no que se comprometeu "a dar impulso á competitividade económica" da industria e introduciu a figura do consumidor electrointensivo.

De feito, a portavoz do Goberno afirmou que este fondo supón "un paso primeiro" para chegar á aprobación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo "nas próximas semanas".

Comentarios