Gandeir@s manteñen a folga malia a presión de empresas e a inacción da Xunta

Folga do leite
@s gandeir@s galeg@s protagonizaron unha nova xornada da folga de entrega de leite en demanda duns prezos xustos. Malia as perdas económicas que esta medida "desesperada" lles ocasiona, uns 300 euros por explotación e día. Malias presións de algunhas empresas para que poñan fin á protesta. E malia o desleixo da Xunta, que tenta escurrir as súas responsabilidades na situación.

 

A folga de entrega de leite que comezou na madrugada da segunda á terza prosigue. @s gandeir@s non entregan nin un só litro de leite, nunha protesta cun seguimento total, segundo as organizacións convocantes. Demándase un prezo xusto para o produto, que na Galiza ten o prezo máis baixo do estado. O que pagan por un litro de leite non cobre, nin  de lonxe, o custo de o producir. Por iso as 11.000 explotacións lácteas galegas están ao bordo do abismo. E por iso, esta folga. Na primeira xornada, foron máis de 6.000 toneladas de leite as que se deixaron sen entregar. Desde o inicio da protesta, pola volta de 12.000 toneladas quedaron sen repartir, cunhas perdas para os e as produtoras de máis de catro millóns de euros.

Nas últimas horas, gandeir@s denunciaron o comezo de "presións" por parte dalgunhas empresas para que se poña fin a esta mobilización. Nomeadamente na comarca do Deza, máis tamén en lugares como Santa Comba. @s productores tamén queren que distribución e industria tomen nota do "dramático" da situación que atravesan as 11.000 explotacións leiteiras que hai na Galiza, a metade do total do Estado español. Nos últimos anos tiveron que pechar máis de 5.000 explotacións e se non hai un cambio, indican ese vai ser o futuro da inmensa maioría daquelas que quedan.

A Xunta, con competencias mais sen vontade

Lembrábano @s convocantes da protesta no inicio da mesma: a Xunta actúa en sectores como o naval ou Alcoa, onde non ten todas as competencias, entrementres no do leite, que si as ten, non move ficha. "É todo botar balóns fóra". Un exemplo diso foi o propio discurso de investidura de Feijóo esta segunda, onde se limitou a enumerar lugares comúns (sector estratéxico, compromiso da Xunta...) mais sen concretar se vai dar algún paso para solucionar o problema.

E a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, limítase a dicir que "entende" o malestar d@s gandeiros e que "estamos a traballar". Mais polo de agora, e ao igual que nestes últimos catro anos, o sector non viu medida algunha.