As voces d@s gandeir@s: "Condénannos á fame, como queren que non fagamos algo?'"

A folga de entregas está a paralizar a recollida de leite na Galiza, nunha protesta sen precedentes que xungue a demanda d@s gandeir@s dun prezo xusto para este produto co defensa do futuro dun sector (65.000 empregos) e do rural galego. Gandeir@s de diferentes comarcas do país cóntannos os motivos para se implicaren nesta mobilización

 

Máis de 11.000 explotacións leiteiras da Galiza loitan pola súa supervivencia, nun escenario onde os baixos prezos condenan a boa parte destas á desaparición. Para se repoñer a esta situación, sindicatos e organizacións convocaron unha folga de entrega de leite que está a ter un seguimento masivo no sector. E iso que esta protesta non lles sae de balde aos produtores e produtoras, pois cada día de paro representa pola volta de 300 euros de perda.

Xosé. Comarca de Compostela,  "Non nos queda outra. É o camiño que nos deixaron". Xosé é de Ordes e ten unha explotación de medio cento de vacas, producindo pola volta de 400 toneladas de leite ao ano. Recoñece que, en principio, a folga de paro na entrega do leite non lle convencía. Mais a situación é, apunta, "de miseria". Por iso secunda a folga. "Págannos o leite a uns prezos en que noutro país europeo lles cuspirían á cara. E iso temos que o cambiar, e se para iso hai que ir a esta folga, pois vaise, e tod@s xunt@s".

Manuel. Comarca do Deza. "Condénannos á fame, como queiran que non fagamos algo'". Ten máis dun cento de vacas e unha xornada laboral de 365 días ao ano. Secunda a folga de entregas porque recoñece que "xa son moitas ostias, e hai que dicir abonda!". É d@s gandeir@s que apuntan que se non hai unha solución de prezos xutos en breve a súa explotación podería botar o peche. Entre 2005 e 2010 esta vía morta afectou a máis de 5.000 explotacións no noso país.

José Antonio. Comarca de Lugo. "Non é por nós, é por todo o rural da Galiza". José Antonio non quere centrar esta folga de entrega do leite na súa explotación e no sector leiteiro. "O que nos xogamos é moito máis", apunta. Nesta liña, lembra que a maior parte das explotacións fixeron importantes investimentos para se modernizar e facer fronte aos retos. "Se o sector do leite e vai a pique, vai todo o rural galego", afirma, entrementres lembra que son 65.000 empregos os que dependen do leite na Galiza.