Galiza, dos territorios do Estado con maior número de propietarios con máis de 10 inmóbeis: 26.000

Atopar pisos de alugueiro en Compostela é cada vez máis difícil (Foto: Arxina).

Hai case 900 que teñen máis de 50, segundo datos do catastro deste mesmo ano.

A Lei de Vivenda acordada entre os dous socios do Goberno español, PSOE e Unidas Podemos, abrangue unha serie de normas en aspectos concretos e que pretenden, segundo os seus impulsores, baixar os prezos dos alugueres. Unha lei, ademais, que entra en aspectos, como a vivenda, que son competencia das autonomías.

A normativa de vivenda supoñerá a "regulación de prezos para baixar por lei os alugueiros" dos propietarios que teñen dez ou máis inmobles —grandes ‘tenedores’— "en base ao índice de referencia para todos os contratos nas zonas de mercado tensionado" e a "retirada de privilexios fiscais". Pola súa banda, para os pequenos propietarios, acórdase a "conxelación de prezos e incentivos fiscais para baixar o prezo".

Deses 26.600 propietarios, tanto persoas xurídicas como físicas, de máis de 10 inmóbeis, perto de 24.000 teñen entre 11 e 25; 1.900 son propietarios de entre 26 e 50 inmóbeis e un total de 820 posúen máis de 50

Doutra banda, apóstase polo parque público de aluguer, cunha reserva do 30% de todas as promocións para vivenda protexida. Dese 30%, a metade destinarase alugueiro social. En canto a un imposto á vivenda baleira, executarase, segundo este acordo, a través da recarga do IBI ata o 150%, que poderán aplicar os concellos.

Propietarios

En principio, o colectivo que vai ser máis afectado é o dos grandes propietarios, aqueles que teñen máis de 10 inmóbeis, conpeto que non abrangue só vivendas. Segundo datos do Catastro, na Galiza hai 26.600 destes propietarios, somos o quinto territorio do Estado con maior presenta de grandes ‘posuidores’. Só nos superan Andalucía, Catalunya, Valencia e Castela e León. Até Madrid fica por baixo da Galiza neste ránking.

Deses 26.600 propietarios, tanto persoas xurídicas como físicas, de máis de 10 inmóbeis, perto de 24.000 teñen entre 11 e 25; 1.900 son propietarios de entre 26 e 50 inmóbeis e un total de 820 posúen máis de 50.

Prezos

Os alugueres rexistraron na Galiza en xullo de 2021 un prezo medio de 5,51 euros por metro cadrado, o que supuxo un descenso mensual de 2,73% respecto a xuño, pero un aumento de 3,13% respecto ao mesmo mes de 2020, segundo un informe de pisos.com.

Interanualmente o aumento deuse en xeral en toda a Galiza, sendo a zona de Lugo (+11,91%) onde se rexistrou a cuarta suba máis elevada do Estado. Con 4,71 euros por metro cadrado en xullo de 2021, a zona de Ourense foi o territorio máis alcanzábel. Pontevedra (a 6,64 euros o metro cadrado), foi a zona máis cara da Galiza.

Vivenda protexida: 165 en 5 anos

A promoción da vivenda protexida na Galiza caeu nos últimos cinco anos a mínimos de toda a serie histórica. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), entre 2015 e 2019 concedéronse licenzas para 12.734 vivendas na Galiza, das cales só 82 contaron coa clasificación de protexidas. Ao tempo, no mesmo período rematáronse 165 vivendas protexidas dun volume de 8.855, o que representou menos de 2% do total.