Galiza é a segunda autonomía onde máis subiron os prezos no último lustro: cal é a primeira?
Galiza é a segunda autonomía do Estado español onde máis subiron os prezos durante o último lustro. Desta maneira, entre xaneiro de 2020 e o mesmo mes de 2025, o índice de prezos de consumo (IPC) experimentou un aumento de 21,5%, tan só por detrás do rexistro de Castela-A Mancha (+22,3%). Ademais, o encarecemento a nivel galego nos últimos cinco anos superou o dato estatal (+20,2%) até en 1,3 puntos porcentuais.
Resultados de xaneiro
Alén do acontecido durante o último lustro, a inflación subiu 0,2% en xaneiro na Galiza en relación ao mes anterior, ao igual que no conxunto do Estado, mais mantivo a súa taxa interanual en 2,7%, dúas décimas porcentuais por baixo do rexistro estatal, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
A electricidade
A nivel galego, a suba interanual máis elevada anotárona os prezos de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis (+7,8%). Neste sentido, cómpre lembrar que desde o 1 de xaneiro deste ano o imposto sobre o valor engadido (IVE) da electricidade volveu situarse en 21%, fronte ao tipo de 10% que se estivo aplicando até o 31 de decembro do pasado 2024. Pola contra, vestimenta e calzado rexistraron un descenso (-0,2%).
En comparación con decembro, os prezos caeron 11,2% no caso de vestimenta e calzado, e 2,5% en lecer e cultura. Con todo, experimentaron unha repunta de 3,9% vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis.
Subxacente
Pola súa parte, neste caso sen datos desagregados para Galiza, a inflación subxacente –sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos– diminuíu dúas décimas porcentuais en xaneiro, ficando en 2,4%, cinco décimas por baixo do índice xeral rexistrado a nivel estatal.