Galiza ante o reto dun novo modelo enerxético

Galiza verá nos próximos anos as súas dúas centrais térmicas botar o feche, un proceso que afecta ás traballadoras e traballadores e ás comarcas nas que se asentan e que marca o comezo dun longo camiño sen volta iniciado pola Unión Europea para acadar a completa descarbonización da economía e, ao mesmo tempo, reducir a dependencia enerxética nun contorno de inestabilidade social e política. Eis un estrato da peza publicada no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza. 
Central térmica de Meirama (Greenpeace)
photo_camera Meirama Greenpeace

Galiza entrou niso que chaman a transición enerxética de súpeto e sen ter un ás gardado na manga. Realmente non é un cambio só a nivel enerxético, senón que atinxe de cheo á economía, á sociedade e en definitiva ao futuro de moitos territorios.

Europa quere unha economía libre de carbono e para conseguilo xa empezou a poñer restricións. O ano pasado Naturgy anunciaba que non ía continuar coa actividade da súa planta de Meirama (Cerceda) porque non lle compensaba economicamente levar a cabo as modificacións para poder seguir operando até 2030. A outra gran térmica galega, a das Pontes, optou por esta segunda vía, pero Endesa, a súa propietaria, anunciou por sorpresa que tampouco lle saía a conta seguir operando.

Con esta decisión Galiza perde dúas empresas importantes e deixa no aire centos de empregos, tanto nas propias empresas como nas auxiliares. E o máis preocupante: debuxa  un futuro incerto para as comarcas nas que se asentan, ao tempo que pon en alerta outras industrias como Alcoa. Mentres, as multinacionais e as Administracións seguen sen dar alternativas a esta difícil situación.

mini modeloEnerxeticoO secretario de Enerxía da CIG‑Industria, Fernando Branco, lamenta que a política que se adopta neste tipo de situacións é “primeiro fechar e logo anunciar” as posíbeis saídas, o que provoca que sempre haxa xente que pague as consecuencias do  feche produtivo. Lembra, en cambio, o feche das minas de lignito das Pontes e Meirama, cun plan en 1997 “bastante efectivo” que permitiu o asentamento de empresas nestas comarcas dez anos antes do feche efectivo das explotacións.

Ás voltas co emprego

Agora a situación é ben distinta. “A planificación está mal feita e hai quen xa está a pagar”. A CIG xa denunciou no seu día o mercado de emisións, que combinado coa falta de poder político para levar a cabo medidas necesarias, está na orixe desta situación. Agora agarda que cunha solución técnica se poida transformar algún dos ciclos das Pontes para seguir funcionando e conservar así os empregos do persoal de mantemento e transporte, entre outros. Tamén suxire aproveitar a capacidade de evacuación eléctrica que teñen estas plantas. “Dá un xogo que hai que saber aproveitar”.

Sobre a situación de Alcoa ou Ferroatlántica considera “paradigmático” que planee sobre elas a sombra do feche polo alto prezo da enerxía cando Galiza é excedentaria, algo ao que tamén axudaría a tarifa enerxética galega. “Deberíase poder artellar algún mecanismo para solucionalo”, apunta sinalando o exemplo do País Vasco, onde as empresas contan con incentivos por parte do Goberno. “Necesitamos un apoio político que non estamos tendo”, lamenta. Para Blanco, falar agora doutras alternativas é especular “e nos non imos entrar nese xogo”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios