Galiza rematou 2021 cunha ocupación media nos hoteis do 34,3%

Dous turistas tiran unha foto na praza do Obradoiro en 2021, durante o Xacobeo, que multiplica o turismo cara a Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A pesar da baixa ocupación do sector hoteleiro, a Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo defendeu que os datos “confirman o avance na recuperación turística” do país.

Os datos publicados esta terza feira polo Instituto de Estatística estatal (INE) desvelan que en 2021 rexistráronse 6.512.333 noites de hotel na Galiza, unha suba do 84,7% sobre as cifras de 2020, que deixaron arredor de 3,5 millóns de noites de hotel ocupadas.

Non obstante esta recuperación, as estatísticas están un 27,6% por debaixo das de 2019, o último ano natural antes da chegada da pandemia de Covid-19.

Esta información é semellante á media estatal, que medrou un 86,7% o pasado ano. Non obstante, a comparativa con 2019 apunta que o Estado atópase cunha ocupación hoteleira do 49,8% inferior en 2021 aos números de hai dous exercicios.

Así e todo, o grao de ocupación das prazas hoteleiras rematou 2021 co 34,3%, case dez puntos por baixo da media estatal, do 43,3%.

A pesar da baixa ocupación do sector hoteleiro, a Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo defendeu que os datos “confirman o avance na recuperación turística” do país.

O 86,8% das persoas que se aloxaron nos hoteis do país procedían do Estado, mentres que o 13,2% restante viñan doutras latitudes. Neste grupo, duplicáronse o número de noites de hotel de 2020.

No que atinxe ao turismo estatal, a Galiza localízase na sexta praza entre os territorios, co 6,2% de todas as noite de hotel, só superada por Andalucía, cun 22,5%, Catalunya co 14,2%, Comunidade Valenciana co 12%, Comunidade de Madrid co 8,6% e Canarias, cun 7,6%.

Prezos da Hostalaría

En 2021, o Índice de Prezos Hostaleiros subiu un 11,8% na Galiza, cunha facturación media diaria dos hoteis por cada habitación ocupada de 64,2 euros, o que supón un 11,4% máis que en 2020.

Amais, o ingreso medio diario por habitación dispoñible, condicionado pola ocupación rexistrada nos establecementos, acadou os 24,5 euros.