Galiza mantense á cola en prezos do leite mentres fechan 100 granxas en só dous mes

O que se paga ao produtor mantense no verán por baixo dos 30,3 céntimos de comezos de ano.

Vacas pacendo
photo_camera Vacas pacendo

O prezo que se paga ao produtor por litro de leite en Galiza está á cola do Estado español. Se en xuño pagábase a 29,7 céntimos, en xullo foi a 29,9. Unha suba pequena que mantén a cotización no noso país non só por baixo da media estatal (31,6 céntimos) senón da que en Galiza se pagaba a comezos de ano (30,3). As entregas en Galiza ascenden, medrando por riba do 2% en xullo en relación ao mesmo período do pasado ano (228.000 toneladas e 222.650 respectivamente)

O que non varía é a continuidade no fechamento de explotacións leiteiras en Galiza. Só en xullo, e segundo o último informe publicado polo Fondo español de garantía agraria (Fega) foron 49. Se lles sumamos as que tiveron que pechar en xuño (50), temos que nas semanas de inicio de verán desapareceron un cento de explotacións leiteiras. Desde que comezou o ano tiveron que fechar 220 granxas. Comezamos 2017 con 8.476 e agora hai 8.256. Máis da metade das explotacións que tiveron que pasar a chave no Estado durante estes meses estaban en Galiza.

Entre xaneiro e marzo tiveron que fechar en Galiza 75 granxas de leite. Cada semana, logo, desapareceron seis destas granxas no noso país. Nese mesmo período, no estado español fecharon 189 explotacións, polo cal as galegas representan o 40% do total. Á altura de xullo, as galegas representan por volta de 53% do total que fechan no Estado. 

Comentarios