Gadis é a cadea galega de supermercados preferida para mercar peixe, segundo a OCU

Peixaría dun supermercado Gadis.
"A aposta polos provedores locais e de proximidade converteu a empresa nunha das compradoras de referencia en lonxas e portos da Galiza", salientou esta cuarta feira a compañía.

Supermercados Gadis é a cadea galega de supermercados favorita para comprar peixe, segundo o último estudo publicado pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), que mediu o grao de satisfacción das clientas e clientes con 46 supermercados e hipermercados de todo o Estado.

Tendo en conta varios criterios de valoración, a OCU conclúe que Gadis é a única empresa de distribución da Galiza coas súas peixarías entre as dez mellores a nivel estatal. "A aposta polos provedores locais e de proximidade converteu a empresa nunha das compradoras de referencia en lonxas e portos da Galiza", salientou esta cuarta feira a compañía, de cuxa cadea de valor no ámbito da pesca participan "case 1.000 profesionais".

"Gadis prioriza desde sempre a sección de peixe fresco e mariscos, un sinal de identidade dos seus puntos de venda. A atención personalizada no mostrador tradicional é un dos seus valores diferenciais, cun equipo de profesionais que acompañan aos clientes na decisión de compra e aconséllanos sobre formas de preparación e conservación. Ademais, promóvese capacidade de elección entre unha ampla variedade de produtos con calidade e prezos competitivos", destacou.

Desde as plataformas de compra e distribución da compañía nos portos da Coruña, Vigo e Burela (A Mariña) e mais un centro de redistribución en Valladolid repártese o peixe e o marisco aos puntos de venda mediante un "eficaz sistema de loxística verde que garante a rastrexabilidade mantendo en todo momento a cadea de frío; optimízanse os roteiros, o que minimiza a pegada ambiental", subliña Gadis.