''Feijóo co agro foi unha arma de destrución masiva''

Elías Somoza, responsábel de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (FRUGA), explica o contexto en que o rural se botará, máis unha vez, ás rúas da cidade. Exixen un compromiso político que free o desmantelamento dun sector estratéxico, o lácteo. O 50% das explotacións do estado son galegas e producen o 40% do leite. Porén, @s nos@s produtor@s cobran os prezos máis baixos

En 1987 miles de gandeir@s subiron aos seus tractores e paralizaron Galiza. Vestiron as vacas frisonas con epitafios e leváronas á cidade. As faixas das protestas berraban ao unísono ‘Non á cota!’. Once anos despois, en 1998, repetiuse a historia. Desta volta o lema era ‘Non ás multas da supertaxa’. Cambiaran os rodeos que daban os gobernos, cambiaran os argumentos dos sindicatos e as vacas xa non peregrinaban á cidade. Mais o panorama era o mesmo: o agro galego afundía. Un dos seus piares, o sector lácteo, desangrábase.

En 2003 milleiros de gandeir@s concentráronse na capital da Galiza para exixiren un prezo digno para o leite, que cubrise como mínimo os custos de produción. En 2009, con ese mesmo obxectivo, os tractores voltaron ser protagonistas. Este 4 de outubro unha nova mobilización nacional percorrerá as rúas de Compostela. As labregas e os labregos non renuncian á utopía de viviren do seu traballo.

En que quedou aquel pacto lácteo que se reclamaba en 2009?
O pacto lácteo quedou en papel mollado e os gandeiros fóronse para as súas casas sen saber moi ben para que servira tanta mobilización.

Non se conseguiu daquela arrincar o compromiso dun prezo mínimo.
O que está a pasar aquí é que se está a vender o leite en hipermercados a 50 céntimos, facendo que quen sofre os beneficios dunha industria que usa este alimento como reclamo son os propios gandeiros. Se ao consumidor lle custa 50 céntimos e a industria tira partido, o beneficio sae do que se lle paga ao produtor. Vannos pagar moito menos.

Galiza posúe o 50% das explotacións do estado e produce o 40% do leite, mais ten os prezos máis baixos. A que se debe?
O que pasa co rural explícao moi ben unha frase que está moi de moda: que a política é mala. A política non é mala, mais no rural fíxose unha mala política. Cos eses datos é evidente que ao goberno do PP non lle interesa o rural. Queda claro só con recordar que convocou a Mesa do leite tres veces en toda a lexislatura.

''Para alén da crise, o que estamos a sufrir os gandeiros é un pasotismo total e absoluto por parte da Xunta''

Hai outros factores que inflúen. É certo que nos botamos moitas veces á rúa e houbo posibilidades de constituírmos un grupo lácteo, a través da planta de Pascual e de Alimentos Lácteos. Intento que foi laminado polos intereses da propia Xunta e cooperativas afíns ao PP que non tiñan capacidade suficiente e que no primeiro ano tiveron xa perdas de tres millóns e medio de euros. Que quero dicir con isto? Que, para alén da crise, o que estamos a sufrir os gandeiros é un pasotismo total e absoluto por parte da Xunta.

As medidas de impulso que recibiu o agro cunha consellaría do Medio rural nacionalista foron borradas nos últimos tres anos. Cal foi a consecuencia?
Pois só hai que ver o número de explotacións que pecharon. Mais esa era a filosofía do PP cando chegou ao goberno, que tiñan que pechar as pequenas para que as grandes fosen rendíbeis. E neste momento as grandes están a afrontar tal grao de endebedamento que dificilmente poderán saír adiante. En poucas palabras, podo dicirche que Feijóo co agro galego foi unha arma de destrución masiva. Así de claro.

''En tres anos foise desmantelando todo até a situación actual, cun agro indefenso''

Imos facer unha comparación entre a consellaría nacionalista e a actual. Na primeira puxéronse en marcha infraestruturas agrarias, pastizais que axudaban a aforrar nos custos de produción, as explotacións sustentábeis e os organismos interprofesionais funcionaban. Na Galiza empezou a se falar de contratos, e chegou a se publicar un contrato homologado no DOG referido ao leite. Todo isto veu á terra! En tres anos foise desmantelando todo até a situación actual, cun agro indefenso. Samuel Juárez non se sabía que existía como conselleiro, e a actual conselleira --Rosa Quintana-- moi boas palabras mais cada paso que dá empobrece máis o medio rural.

Hai uns 15 anos o número de explotacións na Galiza era de 68.421; en 2008 había 14.079; e co goberno de Feijóo pecharon mil cada ano. A este ritmo, poucas van chegar a 2015, ao sistema sen cotas.
Moi poucas van chegar, si. Día a día vemos que o grao de endebedamento é grande. Non me atrevo a dar datos, mais calculo que entre o 60 e o 70% están a perder cartos na produción de leite, poñendo cartos do seu peto. A consellaría do Medio rural que resulte despois do 21 de outubro terá que pensar en desfacer todo o que se fixo contra o agro. Cómpre unha política que poña todo isto en valor e camiñar cara á constitución dun Grupo lácteo galego.

Fracasou Alimentos Lácteos por intereses partidistas?
Alimentos Lácteos ían ser 16 cooperativas para mercar a planta de Pascual, sendo Feiraco a pioneira porque xa tiña experiencia en transformación e comercialización de leite. A Xunta desprazou estas e colocou outro grupo, liderado por dúas --Gancobre, da Pastoriza; e Arzuana, propiedade dun concelleiro do PP de Touro, Eugenio Montero, quen é tamén titular doutra das cooperativas que fan parte de Alimentos Lácteos, Perpetuo Socorro--.

Nós xa advertimos daquela que ese proxecto era de moi dubidosa viabilidade. E viuse, coas perdas millonarias que xa indicamos antes no primeiro ano de funcionamento. Hai outra cousa máis, chegouse a ofrecer leite a 43 céntimos a algún distribuidor, obrigando ao resto da industria a baixar os prezos para poder competir. En que se traduce isto? En que o produtor cobra tamén menos.

Pódese decidir unha política leiteira onde non hai vacas?
Independentemente das decisións que se poidan tomar en Madrid, esa política ten que se decidir na Galiza. O noso país ten que liderar calquera negociación no sector leiteiro. Estamos a falar de 10 mil explotacións dun total de 19 mil, e do 40% do leite producido. Cantas máis competencias teñamos mellor nos ha de ir e só cómpre un pouco de interese.

''A política leiteira ten que se decidir na Galiza''

Ao outro lado do Eo temos Asturias, que cobra o litro do leite entre 4 e 5 céntimos máis que na Galiza. Por que pasa iso? Entre outras cousas, porque teñen un grupo lácteo, Central Lechera Asturiana, que, de 2.500 gandeiros que ten o territorio ao redor de 1.800 son subministradores desa cooperativa. Hai experiencias deste tipo tamén en Euskadi, en Catalunya e mesmo en Andalucía, co pouco peso que ten no sector lácteo.

E recapitalizar as cooperativas frearía as multinacionais?
As cooperativas teñen un problema gordísimo agora mesmo, o da débeda. Na zona de Xermade, na Terra Chá, algunha xa foi liquidada. Frearían as multinacionais, mais aquí xuntámonos tamén co problema da distribución. Na era Fraga levábase moito que a Xunta fose inaugurar os Carrefour, Alcampo... todas de capital francés e que colocan o seu leite aquí a prezos máis baixos.

Puleva finalmente non a comprou ningunha industria galega nin estatal, foi unha francesa. Se a mercase capital de calquera outro lugar, coreano mesmo, non sería tan preocupante. Mais no caso francés atopámonos cun país excedentario nun 30% da súa produción e o mercado máis próximo é o español e o galego. Venden aquí a baixo prezo a través das súas propias industrias xa perfectamente instaladas. Estamos a llelo poñer en bandexa.

É o leiteiro o único eido económico onde se vende o produto e non se sabe a canto se vai cobrar?
Se non é o único, si que é o principal. O gandeiro non sabe a como vai cobrar e non ten capacidade para decidir a como quere vender.

Daquela gandeiras e gandeiros... son un viraventos da industria?
Entrementres non haxa mesas interprofesionais reguladas e con representación da industria, da distribución e dos propios gandeiros si, a industria fai o que lle dá a gana. E industrias que ao mellor están a recibir axudas do Igape! --O Igape é o Instituto galego de promoción económica, dependente da consellaría de Industria-- A todo isto hai que lle sumar a suba dos custos de produción.

[Após a nacionalización de YPF, filial de Repsol na Arxentina, o goberno español chegou a pór riba da mesa a posibilidade de boicotear a compra de soia como represalia. Na Galiza o 70% da soia destinada ao alimento do gando vén deste país, polo que as ansias de vinganza de Mariano Rajoy terían provocado aquí unha suba dos prezos e colocarían en xaque o propio abastecemento de materia prima a fabricantes de penso]

Por onde pasan as alternativas? Cales son os primeiros flotadores que hai que lanzar?
O medio rural ten que estar dotado duns servizos sociais dignos. A día de hoxe están a fecharse ambulatorios, escolas, desmantélase a axuda a domicilio... o PP está a convertelo nun xeriátrico atendido polas propias familias. E xa no eido produtivo cómpre traballarmos con sentido, que as explotacións dependan cada vez menos de custos foráneos, por a producir toda a terra que hai a monte.

''Feijóo converteu o rural nun xeriátrico atendido polas propias familias''

Foi moi importante o Observatorio do leite ou o Banco de terras, a mobilidade, que calquera puidese arrendar unha finca... En resumo, desenvolver un modelo propio que evite que teñamos que carrexar todos os días camións de palla que veñen de Castela. Contra a suba dos custos de produción o que hai que facer é reducir a dependencia de insumos foráneos.

Fronte a esa posta en valor da cal falas, traballando as terras que están a ermo, o PP abriu o monte ás madeireiras e apostou polos cultivos de rápido crecemento. Que balance fai da Lei de montes?
Á parte do que xa sinalaches, o máis grave desa lei é que terras agrarias poderán ser forestadas! Coa cantidade de cartos que se gastaron nalgunhas concentracións parcerarias para agora plantarlles piñeiros, eucaliptos e especies de rápido crecemento. Aínda podían aproveitarse para plantar soutos, cos seus castiñeiros, mais a Lei nin iso favorece. O único que coida é o enriquecemento de catro señoritos. E renúnciase ao aproveitamento do noso monte para a actividade gandeira.

A Fruga adiou a mobilización que tiña prevista para o 28 de setembro para se sumar á do 4 de outubro. É fundamental esa unidade sindical na Galiza?
Adiámola porque dúas protestas co mesmo obxectivo non tiñan sentido. Non gostamos das divisións no sector leiteiro. Benvida sexa a unidade sindical mais, para alén desta, hai unha cousa que está clara: a Galiza ten a súa propia problemática, aínda que poidan afectar a PAC ou medidas estatais. Porén, non é o mesmo o rural aquí que en Castela, en Navarra ou Andalucía, polo que cómpren organizacións de obediencia galega, nacionalistas, que defendan unica e exclusivamente os intereses dos labregos da Galiza.

Comentarios