A Fruga amosa a súa "repulsa" ante a explotación de migrantes e alerta sobre as consecuencias da "industralización do agro"
Segundo transcendeu esta terza feira, a Garda Civil está a investigar tres persoas como presuntas autoras dun delito contra os dereitos laborais pola contratación de máis de 80 temporeiros e temporeiras de orixe africana en situación irregular para traballar nunha explotación agrícola na localidade de Begonte (A Terra Chá).
Diante desta situación, a Federación Rural Galega (Fruga) amosou esta cuarta feira a súa "repulsa" ante un fenómeno "que cada vez, se non se lle pon xa couto, vai ser mais habitual na nosa terra".
A organización ligou este tipo de prácticas coa "chegada de grandes grupos empresariais á Galiza, algúns deles mesmo sen experiencia previa na actividade agraria, na procura de grandes superficies nas que implantar cultivos de froitos vermellos, viña ou froitos subtropicais, como o aguacate".
"No nome da especialización e da competitividade empresarial, vivimos no día a día o feche de explotacións, a venda de dereitos de produción e a concentración da capacidade produtiva en cada vez menos maos", explicou a Fruga.
O resultado desta dinámica, segundo denunciou a federación, é o "abandono do territorio, o despoboamento e o avellentamento da poboación do rural, ademais dunha cada vez maior intensificación e industrialización das producións no nome da modernidade e da asunción dese novo status empresarial vendido aos e ás titulares das explotacións".
Por este motivo, o sindicato apostou por políticas agrarias "que blinden as producións tradicionais, a diversificación das mesmas, o coidado do territorio e a alimentación da sociedade como prioridade", no canto de fomentar modelos "que só traen abandono, espolio de recursos tan imprescindíbeis como a auga, contaminación e beneficios económicos só para uns poucos".