O Foro Económico anticipa un crecemento da economía galega de até 10% en 2021

Presentación do informe 'Previsións do Crecemento do PIB 2021' en Ourense a cargo dos economistas que o elaboraron (Foto: Foro Económico da Galiza)
As previsións do Foro Económico varían en función das restricións pola Covid-19 e da rapidez na execución dos fondos europeos

A economía galega podería medrar até 10% en 2021 en función da evolución das restricións  derivadas da pandemia e do reparto dos fondos europeos. Con todo, desde o Foro Económico da Galiza sitúan as súas previsións entre 4,8 e 8,8%, un rebote en toda regra. 

Nestas últimas cifras, segundo salientan os autores do informe, Santiago Lago, José Francisco Armesto, José María da Rocha e Fernando González Laxe, non aparecen recollidos os impactos positivos dos fondos Next Generation da Unión Europea, dada a incerteza sobre os proxectos tractores que se apoiarán e a súa localización xeográfica, así como a celeridade na súa execución.

Para as súas predicións, o Foro contempla dous escenarios, un positivo e outro negativo. O primeiro sitúa restricións leves ou moderadas nos dous primeiros semestres do ano e pouco relevantes na segunda metade. Daría por completado o proceso de vacinación en verán, polo que a actividade da economía recuperaríase plenamente a partir do terceiro trimestre do exercicio.

O segundo dos escenarios prevé restricións medio-altas na primeira metade do ano e que se mantivesen parcialmente durante os meses de verán.

Habería un terceiro escenario marcado por un confinamento semellante ao de marzo e abril de 2020 no segundo semestre do ano e un atraso da vacinación que levaría a que a produtividade da economía se situase en negativo, concretamente rexistraría unha caída de 1,5% no PIB. "Sen dúbida, garantir que non se produza este segundo bloqueo é tan importante ou máis que promover unha saída económica vigorosa do primeiro", apuntan os autores do informe.

Os fondos de Europa

Sen coñecer que proxectos tractores e cando serán apoiados é difícil cuantificar o seu efecto na economía. Baixo esta premisa, o Foro apóiase nos cálculos do Banco de España a partir dunha media común para o Estado español.

Segundo estas estimacións, o impacto destes fondos podería chegar a 1,3% se a execución é rápida, e 0,6% se existen atrasos salientábeis. Levando estas previsións aos escenarios contemplados polo Foro Económico na súa análise, o crecemento do PIB da Galiza situaríase en 2021 entre 5,4% e 10,1%.

En calquera caso, desde a institución salientan que, aínda que o maior impacto sería se eses fondos apostasen por proxectos radicados na Galiza, calquera impacto positivo no resto de territorios "vainos repercutir positivamente" por diferentes canles, nomeadamente pola vía das exportacións. 

A industria como piar

O informe Previsións do Crecemento do PIB divídese en dúas partes, unha que aborda os resultados do ocorrido en 2020 e outra na que se presentan as distintas previsións para 2021 e unha análise propia de prospectiva de posíbeis escenarios. 

Nesta última inclúe unha serie de recomendacións sobre as políticas a seguir para facer que o rebote que prognostican sexa máis vigoroso. Por exemplo, as persoas expertas do Foro Económico inciden na necesidade de fortalecer, dentro da economía galega e aproveitando as necesidades manifestadas pola crise económica, as actividades industriais. "Cómpre dispor dunha base sólida para que o sector industrial, especialmente o manufactureiro, exerza de piar sobre o que se sustente a recuperación", apuntan.

Outro dos deberes que lle pon ás Administracións e o de incrementar a importancia "en termos cualitativos e cuantitativos" das estratexias de innovación. "Urxe un esforzo que permita achegarse á media estatal en I+D+i, xa de por si afastada de niveis europeos.

Este esforzo pode concretarse na recomendación feita polo Foro de maiores partidas de gasto nestas actividades, identificación dos sectores de futuro máis acaídos para o progreso científico-tecnolóxico da Galiza, implicación do sector empresarial privado, e reordenación do sistema de innovación galego para que os diferentes centros, plataformas e clústers poidan estabelecer estratexias colaborativas", receitan desde o organismo.