A folga do transporte deixa sen autobuses A Coruña

O sindicatos preparan novas mobilizacións.

20251205_FOLGA_BUSES-09
Protesta do persoal do transporte na estación de Compostela. (Foto: Arxina)

A primeira xornada de folga en defensa dun novo convenio colectivo do persoal do servizo de transporte por autobús da provincia da Coruña paralizou a actividade do transporte público por estrada. A protesta, convocada pola CIG, UXT e CCOO, terá continuidade os días 15, 16 e 19 de decembro en caso de que a patronal do transporte non proceda a negociar melloras laborais cos seus traballadores e traballadoras.

O responsábel de transportes da CIG, o sindicato maioritario no sector, Ernesto López Rei, lembrou que "o convenio do transporte de persoas por estrada da Coruña está caducado desde hai catro anos e cun articulado negociado hai sete que xa quedou sobrepasado pola actual lexislación".

Neste punto, denunciou que desde "o inicio das conversas para a súa renovación, a postura da patronal foi sentar sen falar nin propor absolutamente nada" e indicou que "non parece que queira moverse agás que a Xunta a obrigue a moverse".

As organización sindicais convocantes da folga demandan un incremento das retribucións salariais que garanta o poder adquisitivo do persoal lle permita recuperar o perdido nos anos pasados.

Neste sentido, reclaman a inclusión no convenio dunha cláusula de revisión anual, asegurando López Rei que sen a mesma "non haberá convenio", a regulación da xornada laboral, a redución das horas ao volante e a actualización do control horario. Na mesma orientación, urxen melloras nas condicións laborais do persoal acompañante do transportes escolar.   

"O convenio xa quedou por debaixo do que di o Estatuto das persoas traballadoras", asegurou López Rei, quen apuntou á responsabilidade da Xunta de Galiza, que "malia ser a administración titular dos contratos desde que se comunicou a folga hai xa do 12 días nin chamou nin se moveu para tentar desbloquear o conflito. O único que fixo foi decretar servizos mínimos".

Nesta dirección, afirmou que "a Xunta é consciente das repercusións dunha folga no transporte e de que ten capacidade para solucionar o conflito de maneira dialogada, pero neste tempo non houbo nin un só contacto".

"A folga de hoxe é un primeiro toque de atención", asegurou López Rei, quen avanzou que "cremos que será insuficiente e que haberá que levar adiante o resto de convocatorias para este mes", en relación aos paros de 15, 16 e 19 de decembro.

Comentarios